A Xunta de Galicia abriu este martes, 1 de abril, o prazo para solicitar os seus avais para a compra de vivenda. O programa permanecerá aberto ata o 31 de outubro ou ata que se esgote o orzamento asignado para este ano, que ascende a 5 millóns de euros. Así, facilitará a compra, reducindo o importe que a persoa compradora debe adiantar como entrada ao contratar unha hipoteca.
O aval poderá cubrir ata o 20 % do prezo de adquisición da vivenda. Esta medida supón unha axuda directa ás persoas que non dispoñen do aforro necesario para afrontar ese primeiro pagamento. Ese paso inicial adoita ser un dos principais obstáculos á hora de acceder a unha vivenda en propiedade.
Destinatarios e condicións
A iniciativa mantén os criterios da convocatoria de 2023, pero introduce unha novidade importante. As persoas menores de 36 anos poderán solicitar o aval para calquera tipo de vivenda, sempre que se trate da súa primeira residencia habitual. Ademais, en 2025 a medida esténdese tamén a persoas de calquera idade, sempre que a vivenda obxecto da compra sexa protexida e se cumpran os requisitos específicos para acceder a este tipo de inmobles.
Para calquera das dúas modalidades, a vivenda debe estar situada en Galicia e destinarse a residencia habitual e permanente da persoa compradora, polo menos durante o tempo de vixencia do aval. Este deixará de ter efecto no momento en que se devolva á entidade financeira a cantidade garantida.
Tamén en vigoalminuto
- Cinco medallas y dos trofeos por clubes para el FlicFlac de Vigo, en el Campeonato de España de Gimnasia Acrobática
- Descuentos del 30% en Vueling por el ‘Yelow Day’… y sorteo de un año de vuelos gratis
- La mujer asesinada en A Coruña por su pareja, recibió decenas de puñaladas
- Una mujer muere y varias personas resultan heridas, en un accidente de tráfico en O Pino
- Urgen la instalación de árboles en la Porta do Sol para naturalizar y dar sombra al corazón de Vigo
- A la venta las entradas para el concierto de Sebastián Yatra en Costa Feira
Requisitos e prezos máximos
As persoas solicitantes deberán acreditar ingresos anuais comprendidos entre dúas e cinco veces e media o IPREM -establecido este ano en 600€ mensuais, 7.200€ anuais en 12 pagas e 8.400€ anuais en 14 pagas- é dicir, entre 16.800 e 46.200 euros. No caso de adquisición por parte de máis dunha persoa, o límite conxunto pode chegar ata 6,5 veces o IPREM, o cal supón un máximo de 54.600 euros anuais.
Establécense tamén límites no prezo máximo de adquisición da vivenda segundo a localización:
- en concellos como A Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Pontevedra ou Ourense, o importe non pode superar os 260.000€
- en Lugo, Ferrol ou noutros de tamaño medio ou carácter periurbano, o tope sitúase nos 210.000€
- no resto do territorio galego, o límite será de 180.000€
O programa de avais ten coma principal obxectivo o de facilitar o acceso á súa primeira vivenda. Tamén pretende ampliar as posibilidades de compra no caso das vivendas protexidas.