Galicia

ADEGA reclama da Xunta o arquivo da solicitude de augas de ALTRI por vencer o prazo legal para resolver

Pasados 18 meses, a lei obriga a considerar desestimada a solicitude

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de solicitar a Augas de Galiza que comunique á peticionaria e ás partes interesadas a desestimación da solicitude de concesión de augas superficiais do río Ulla no encoro de Portodemouros con destino a uso industrial, e arquive o expediente. 

Nese caso, Altri-Greenfiber estaría obrigada reiniciar o procedemento de concesión dende o mesmo trámite de competencia, como establece o art. 104 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico (RDPH).

Os 18 meses concluiron o 30 de setembro pasado

Así, os ecoloxistas subliñan que o artigo 116.5 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico establece un prazo máximo de 18 meses para que a administración competente, neste caso Augas de Galiza, resolva un expediente de concesión de augas. A empresa Altri (agora Greenfiber) presentou a súa solicitude (inicio do trámite de competencia) en novembro de 2022, e publicouse no BOP da Coruña o 30 de novembro dese ano.

De non mediar suspensión do procedemento, e no expediente non consta ningunha de oficio ou de parte, os 18 meses concluíron o 30 de setembro de 2024. Dado que a día de hoxe o organismo substantivo encargado de tramitar a concesión (Augas de Galiza, demarcación Centro) aínda non resolveu sobre dita solicitude, esta debería polo tanto entenderse desestimada.


Tamén en vigoalminuto


A realidade do procedemento e a «estratexia de confusión» da Xunta

Nesta liña, ADEGA figura como parte interesada no expediente dende o seu inicio, ao concorrer no trámite de competencia para reclamar que o volume de auga solicitado por Altri (46.000 m3/día) fora destinado a usos ambientais e públicos.

«No decurso do procedemento, solicitamos periodicamente acceso ao expediente administrativo que xestiona o Servizo Territorial de Augas para a zona hidrográfica de Galiza-Centro. Nunha consulta en setembro de 2024, co prazo de resolución próximo a vencer, puidemos comprobar que no expediente faltaban aínda por emitir informes preceptivos para poder autorizar a concesión e que no procedemento non se rexistraron suspensións. E nesta mesma semana de febreiro puidemos verificar que aínda non se tiñan incorporado ditos informes e que o expediente ficaba igual que hai case 4 meses», subliñan os ecoloxistas. 

Á vista desta circunstancia, «resulta chamativo que dende a Xunta se filtrara un documento con apariencia de oficial» no que se daba por feito a autorización de Augas á solicitude de Altri. O contido desa filtración interesada, que recolle fundamentalmente valoracións da empresa«non se corresponde coa realidade e contribúe a sementar a confusión entre a cidadanía e a condicionar o labor do persoal técnico da Xunta. Todo o contrario da obxectividade, transparencia e servizo público que debe guiar o proceder dunha administración».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.