Cultura

Comezan as ‘Xornadas Castelao’ no MARCO

Este martes, ás 19:30h con entrada libre

Comezan as 'Xornadas Castelao' no MARCO

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, comeza o 2025 poñendo o foco no Ano Castelao, cando se cumpre o 75º aniversario do seu pasamento. Castelao grafista –que trae ao presente o proxecto expositivo e editorial do mesmo nome levado a cabo en 2017– reúne obras e documentación sobre o seu traballo gráfico, con especial atención ás primeiras edicións dos seus libros, a exemplos clave como a Revista Nós ou a serie Cousas da vida, e ao seu compromiso político.

A mostra funciona tamén como pano de fondo para unhas xornadas arredor da súa figura, coordinadas por Ramón Rozas, co obxectivo de facer balance da obra e pensamento de Castelao, 75 anos despois daquel mes de xaneiro de 1950.

Datas e horarios

  • Martes 14 xaneiro ás 19.30h. Pilar García Negro e Carlos L. Bernárdez
  • Xoves 23 xaneiro ás 19.30h. Ana Acuña e Kiko da Silva
  • Martes 28 xaneiro ás 19.30h. Montse Fajardo e Ángeles Tilve

Sala Galería A3, planta baixa

ENTRADA LIBRE ata completar capacidade

Obra plástica

Castelao grafista é un proxecto que pretende difundir a obra e o pensamento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, Galicia, 29 xaneiro 1886 – Bos Aires, Arxentina, 7 xaneiro 1950).

Nace cando a Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) decide, por unanimidade, dedicar o Día das Artes Galegas de 2016 a Castelao. Miguel Fernández-Cid, académico e nesa altura director da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, propón unha revisión da súa obra plástica na que se sinala a peculiar relación entre pintura e ilustración: ao principio, Castelao traslada imaxes dende a primeira á segunda e, en 1945, cando quere pintar o seu testamento pictórico, leva a unha tea de gran formato unha estampa de guerra realizada en 1937.

A exposición celébrase na Real Academia de Belas Artes de San Fernando de Madrid en 2017 e conta co patrocinio da Fundación Mapfre e a Fundación DAMM. Toma o subtítulo «Pinturas, debuxos, estampas«, a suxestión de Valeriano Bozal, gran defensor de Castelao, que vía conveniente salientar a presenza de cadros de gran formato, debuxos e estampas. As coleccións de arte ABANCA e Afundación, a Fundación Penzol, o Museo de Pontevedra, a Fundación Vicente Risco, os museos provinciais de Coruña e Lugo, e o Concello de Vigo foron as principais institucións que prestaron fondos.

Madrid, Barcelona e Bilbao

A exposición madrileña ía acompañada dun coidado catálogo, con excelentes reproducións, textos de especialistas e un ritmo moi didáctico. Suscitou o interese inmediato de institucións senlleiras de Barcelona, Valencia e Bilbao, entre outras cidades. Para responder a esa demanda, ideouse Castelao grafista (facsímile), con 150 coidados facsímiles de obras reunidas na exposición: as portadas das primeiras edicións dos libros publicados por Castelao en vida; unha selección de libros e revistas ilustrados por Castelao; debuxos e deseños para a revista Nós, fotografías e máis dun centenar de debuxos pertencentes á serie Cousas da vida.

Facsímiles preparados a partir dos debuxos orixinais realizados por Castelao para colaboracións en prensa, que se reproducen como documento, non só a súa imaxe gráfica: a caligrafía do autor, as anotacións de publicación, os selos, o permiso previo, as condicións impostas pola censura… Dado que foron creadas para ser vistas reproducidas, óptase por limpar o papel da oxidación e as manchas, pero respectando as anotacións de época, polo seu valor histórico.

Antecedentes

Castelao grafista (facsímile) ten un afán claramente divulgador, cuxo destino inicial foron as bibliotecas dos centros do Instituto Cervantes e dos centros culturais dependentes do Ministerio de Asuntos Exteriores. O proxecto —150 caixas que conteñen os 6 volumes das obras completas de Castelao, os facsímiles do álbum Nós, fotografías, catálogos, material de exposición e máis dun centenar de facsímiles de debuxos, portadas de libros e colaboracións en prensa— foi distribuído e depositado nesas bibliotecas desas institucións.

Que cada envío quedase en propiedade dos centros receptores, como fondo de consulta nas súas bibliotecas ou centros de documentación, facilita o acceso posterior ás persoas interesadas en afondar na obra do artista.

Esta versión de “mostra portátil” producida por Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia, conta co apoio de Javier Baltar como herdeiro dos dereitos de Castelao, da Editorial Galaxia como editora dos seus textos e coa autorización explícita dos propietarios dos orixinais para realizar os facsímiles. Ten o respaldo dos responsables do Instituto Cervantes e da Dirección de Relaciones Culturales y Científicas, do Ministerio de Asuntos Exteriores, así como da Real Academia Galega de Belas Artes.

Nos últimos anos, grazas a Afundación Obra Social ABANCA, o proxecto mantén plenamente a súa vixencia: mostrouse primeiro nas súas principais sedes nas grandes cidades, e actualmente itinera por diferentes concellos dentro do programa Corrente Cultural.

No MARCO serve de diálogo documental a unhas xornadas que farán balance da obra e pensamento de Castelao.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.