A plataforma de bandas Grupos de Vigo en Loita está a reclamar a reapertura do espazo Súbete ó Castro, que contaba con local de ensaio e outras instalacións dirixidas á mocidade viguesa. O motivo disto é que o vindeiro xoves, día 21 de novembro, faranse 10 anos do seu peche definitivo, en 2014, por parte do Concello de Vigo, que «clausurou o edificio sen previo aviso alegando que se facía temporalmente para solucionar un problema de humidades».
O concelleiro de Facenda asegura que foi un «fracaso estrepitoso»
Grupos en Loita criticou onte en redes sociais as palabras ao respecto do concelleiro de Facenda e portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Vigo, Jaime Aneiros Pereira, que se adiantou unha semana á efeméride afirmando que o programa Súbete o Castro «foi un fracaso estrepitoso». Fíxoo no Pleno municipal de onte en resposta a unha intervención do Bloque Nacionalista Galego, que pide a reapertura do espazo facéndose eco das demandas do colectivo de músicas e músicos da cidade.
No Súbete o Castro a mocidade non só podía ensaiar cos seus proxectos musicais e facer outras actividades culturais, deportivas e lúdicas, «senón tamén participar nos xa míticos Castroconcertos«. Nestes espectáculos gratuítos, que facían uso do entorno natural pero céntrico das instalacións, forxáronse varias xeracións de grupos vigueses durante a case década e media de vida do programa. Miles de persoas participaron ou acudiron a estes eventos.
Qué é un fracaso estrepitoso?
Dende Grupos en Loita pregúntanse «que entende por fracaso estrepitoso o Goberno municipal, e en que cabeza cabe que un programa que acolleu centos e centos de iniciativas para a mocidade moi concorridas fose un fracaso».
«Só pode consideralo un fracaso alguén a quen non lle importe a cultura ou que a mocidade teña alternativas de ocio enriquecedoras«, sentencian dende a plataforma. «Xeracións enteiras de músicas e persoas afeccionadas lembran aínda, 10 anos despois, con moitísimo agarimo o Súbete o Castro, como comprobamos co éxito que ten calquera publicación en redes sociais sobre o tema«, engaden.
O mesmo sucede coa Casa da Xuventude
«Agora está a suceder o mesmo coa Casa da Xuventude, pechada sen previo aviso hai medio ano supostamente por reparacións das que nunca volveron informar», advirten dende Grupos en Loita. A Casa da Xuventude tamén tiña a disposición das bandas unha sala de ensaio, que deixou de funcionar aproximadamente na mesma época na que pechou o Súbete o Castro.
«Nunca hai que fiarse dos peches indefinidos do Concello como este, pois non só pecharon a traizón o espazo do Castro, senón que tamén intentaron facer o mesmo con Vigosónico na pandemia, foi a presión popular a que obrigou a reabrir as instalacións de Valadares», afirman.
Tamén en vigoalminuto
- Urbanismo abre expediente por un almacén de bombonas, sin autorización, junto a la Alameda

- El cuento de Navidad de la Orquesta Kv2211 llega al Auditorio Municipal de Vigo

- El TSXG absuelve a la exconductora de Vitrasa condenada a 15 años por el incendio de un autobús

- Amazon defiende las condiciones laborales en su planta de O Porriño, tras la convocatoria de huelga

- Abierta la inscripción para 67 viviendas de alquiler asequible en la ciudad

- La Navidad ‘está al caer’

Grupos en Loita
Grupos en Loita naceu en xaneiro de 2022 para esixir a reapertura das salas de ensaio de Vigosónico, un obxectivo logrado parcialmente uns meses despois e de xeito definitivo en maio de 2023. A plataforma permanece activa visibilizando diversas cuestións que afectan ás bandas viguesas, como a súa practicamente total ausencia na programación musical municipal ou os peches de concertos na cidade por parte da Policía Local.
Concertos de artistas locais
Recentemente o colectivo de grupos estivo centrado na reclamación de que as bandas locais sexan teloneiras nos concertos de verán en Castrelos e de que se celebre o festival de bandas locais Rock in Vigo que o Concello prometeu o pasado ano. Abel Caballero referiuse precisamente a estas cuestións en varias entrevistas a medios de comunicación nos últimos meses, nas que afirmou que «los grupos no quieren teloneros» e que a espera entre dous artistas «es romper un poquito el concierto», a pesar de que houbo polo menos 15 espectáculos con teloneiros en Castrelos dende que el é alcalde.
Tamén dixo Caballero que «una vez llevamos uno de los grandes grupos locales, no llenó ni la platea» de Castrelos, e que alí «tienes que meter por lo menos ya 30.000 personas». Porén, dende 2007 só 4 artistas vigueses foron cabezas de cartel: Siniestro Total e Os Resentidos conxuntamente, Sen Senra e a Coral Casablanca. Con todos eles o alcalde celebrou un éxito de asistencia, incluso no caso da coral, a cuxo concerto en 2022 dixo que acudiron 3.000 persoas, lonxe das 30.000 que pón agora como requisito ás bandas locais.
Que foi do famoso concerto na Porta do Sol?
Ademais, o rexedor dixo tamén que ía organizar «actuaciones de estos grupos en la Puerta del Sol» repetindo a promesa que fixo en 2023 de cara ao concerto de Guns ‘n Roses, do que finalmente se desentendeu. «En máis dun ano e medio dende que fixo esa promesa non contactou con ningunha banda nin deu ningún compromiso, polo que tememos que de novo será papel mollado e non se cumprirá», lamenta Grupos en Loita. «De feito, algo así xa o prometeu a concelleira María del Carmen Lago Barreiro cando se reuníu connosco en 2022, e nada», asegura.
«Se tanto lle preocupa a asistencia aos concertos de bandas locais, o espazo do Súbete ó Castro era perfecto para este tipo de eventos, así que ao mellor podería comezar por reabrilo», suxire a plataforma. «É unha vergoña que haxa espazos públicos pagados cos cartos de toda a veciñanza pechados sen que ninguén poida facer uso deles», asevera. Grupos en Loita anunciou que seguirá reivindicando a reapertura da Casa da Xuventude e do Súbete o Castro de cara ao aniversario do peche deste último nos vindeiros días.

