Galicia

350 rutas guiadas, con 4.000 prazas dispoñibeis para visitar o Parque das Illas Atlánticas

Entre xuño e setembro

O Parque marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia oferta este verán un total de 350 rutas guiadas con aproximadamente 4.000 prazas para coñecer a natureza e a historia das illas que conforman este espazo natural.

Cíes e Ons

Todas as rutas faranse en grupos reducidos co fin de poder ofrecer unha experiencia da máxima calidade. No caso de Cíes e Ons, as persoas interesadas poderán apuntarse tanto de xeito presencial nas casetas de información localizadas nas propias illas como a través da central de reservas para participar nas visitas con guía que se realizarán a diario ata o 15 de setembro.

Estas rutas están programadas todos os xoves ás 12:00 horas durante os meses de xullo, agosto e setembro no caso de Cíes, e os venres á mesma hora no de Ons.

A reserva pódese facer cunha antelación máxima de 15 días e ata 24 horas antes da realización da ruta para reservas en liña, ou no mesmo día en caso de facelo de xeito presencial nas casetas de información.

Cortegada e Sálvora

En canto ás rutas guiadas polos arquipélagos de Cortegada e Sálvora, que serán en grupos de 10 a 15 persoas, só hai opción de reservar a través da páxina web. En Cortegada ofrécense un total de 7 visitas -30 de xuño; 14, 21 e 28 de xullo, e 1, 15 e 25 de agosto-.

Para Sálvora serán 9 rutas -11, 23 e 24 de xullo; 3, 7, 20, 21 e 29 de agosto, e 5 de setembro-. A solicitude a través da central de reservas das visitas a Sálvora e Cortegada deberá facerse, cunha antelación máxima de 25 días e ata 4 días antes da data de realización da ruta.

Cómpre subliñar que, aínda que todas estas rutas son gratuítas, os visitantes deberán facerse cargo do traslado ata a illa. No caso de Cíes e Ons, ao existir transporte regular durante o verán, cada persoa debe solicitar a súa autorización de visita e o seu billete de barco. O guía, pola súa parte, estará esperando nos puntos de información das illas.

Así e todo, no que respecta a Sálvora e Cortegada, que só se poden visitar en compañía dun monitor, o propio Parque Nacional organiza o grupo e contrata o transporte, pero o visitante, logo de reservar a súa praza a través da páxina habilitada, debe pagar o billete á navieira seguindo as indicacións que se lle farán chegar.

10 itinerarios sinalados

Así mesmo, en todas as illas poden realizarse ata 10 itinerarios sinalizados. Cada un está indicado cunha cor e hai folletos explicativos sobre o percorrido tanto na web como nas casetas de información do Parque.

En canto á temática, recollen tanto aspectos naturais como culturais e histórico-etnográficos que axudan a coñecer cada un dos arquipélagos.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.