Galicia

O BNG defenderá no Congreso dos Deputados anular a concesión da AP-9 e suprimir as peaxes

Ademáis de transferir a autoestrada a Galiza

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, defenderá a moción consecuencia da interpelación defendida a pasada semana e procurará o apoio da cámara baixa para instar o Goberno a anular a prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 por un goberno do PP, a asunción da xestión directa da autoestrada, a supresión das peaxes e o impulso da transferencia á Galiza.

«Poñer fin a esta estafa legalizada»

Así, durante o vindeiro pleno do Congreso dos Deputados, a organización nacionalista levará «unha reivindicación histórica e maioritaria na sociedade galega para pór fin á estafa legalizada que implican estas portaxes e conseguir, por fin, unha AP-9 galega e libre de peaxes».

Despois da interpelación urxente realizada polo deputado do BNG ao Ministro de Transporte en que «Rego desmontou os argumentos de Puente para negarse a rescatar a Autoestrada do Atlántico» e transferila á Galiza, na próxima semana será debatida unha moción co mesmo obxectivo. Segundo sinalou Rego, pór punto final á concesión «é unha cuestión de vontade política, de xustiza e tamén da aplicación da legalidade ante o procedemento de infracción aberto pola Unión Europea pola ampliación do prazo na concesión».

Avaliar o custo económico desta decisión

«O Goberno debe realizar de forma inmediata un estudo en que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico e sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP-9″ reivindicará o deputado do BNG.

O primeiro punto da moción, explica Rego, contraponse ao sinalado por Puente sobre os 4 000 millóns de euros que custaría o rescate da Autoestrada do Atlántico porque esta cantidade non parte dun estudo serio e fiábel nin de datos contrastados. De facto, existen outras estimacións que sitúan que o custo sería moito menor, de entre 2 e 3 000 millóns de euros e Rego lembra que o Goberno reservou un crédito de 2.300 millóns até 2048 para custear as bonificacións.

Anular os 25 anos de prórroga aprobados polo Goberno Aznar

O deputado do BNG demandará tamén o apoio da cámara baixa para instar o Goberno a anular a prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9 que deu inicio o 18 de agosto de 2023 e asumir a xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes. A concesión inicial desta infraestrutura, lembra Rego, rematou en 2013 mais, con todo, un goberno do PSOE de González e outro do PP de Aznar fixeron novas prórrogas: «a primeira, de 10 anos e a segunda de 25, até 2048» denuncia.

«Lograr este obxectivo na actualidade está perfectamente xustificado se consideramos que, segundo a Comisión Europea, as prórrogas nas concesións foron adoptadas de forma irregular, polo que se podería declarar a nulidade da concesión actual» argumenta o deputado do BNG.

Así, no ano 2021 a Unión Europea abriu un expediente de infracción ao Estado español por considerar que as prórrogas da AP-9 se produciron de forma ilegal ao non cumpriren o principio de concorrencia competitiva. Máis recentemente, neste mesmo ano, a UE abre un novo expediente de infracción ao Estado español polo mesmo motivo. Existen, por outra parte, precedentes de casos similares que foron xa resoltos anulando a concesión.

«O mantemento das portaxes na AP-9 representa non só un castigo para todos os galegos e galegas senón unha clara discriminación coa Galiza. Os galegos e galegas estamos pagando inxustamente as portaxes na AP-9, cando menos, desde o 18 de agosto de 2023. Non queremos seguir pagando máis« xustifica Néstor Rego.

Transferencia da infraestrutura á Galiza

Lembrando o mapa que Néstor Rego lle prestou ao ministro de Transporte onde se vía claramente que a Autoestrada do Atlántico «non é unha vía internacional», a frente nacionalista exixirá, dunha vez por todas, a transferencia á Galiza da AP-9. O manido argumento empregado por Puente, lembra o deputado do BNG, xa foi empregado por outros responsábeis políticos mais «os mapas non menten».

Nese mesmo pleno, sinala o deputado nacionalista, tamén se debaterá e se votará a toma en consideración da Proposición de Lei para a transferencia da Autoestrada do Atlántico á Galiza, iniciativa que emana do Parlamento Galego co apoio de todas as forzas políticas que teñen representación na cámara.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.