Segundo informa a Asociación de Veciños e Empresarios de Cabral (AVEECA), a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia impuxo unha sanción de 98.500 € á Comunidade de Montes Santa Mariña de Cabral, «como presunta responsable das obras executadas á beira do río Lagares, moi preto do seu nacemento». Ditas obras xa foran denunciadas por AVEECA o pasado mes de outubro.
Así, indican dende a asociación, no expediente reflíctese o carácter “grave” desta actuación, esencialmente por «destruír ou alterar o hábitat de exemplares incluídos no Catálogo Galego de Especies Ameazadas». A Xunta esíxelles tamén que repoñan o tramo de río afectado ao seu estado anterior.
Dende 2023
O caso remóntase ao mes de agosto de 2023, cando se pide informe ao Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente sobre unhas obras que pretende realizar a Comunidade de Montes de Cabral no dominio público hidráulico e zona de Policía na Lagoa de Mol, xunto ao Aeroclub de Vigo. «Na solicitude especificábase que se retirarían ás árbores mortas ou caídas e faríanse tarefas de roza da maleza e de clareo das árbores en bo estado na zona de servidume, realizándose por medios manuais a actuación no leito».
A Consellería respondeu que era necesario un estudio das afeccións e impacto sobre o medio fluvial e sobre o patrimonio natural adxacente. Pero o 18 de outubro, data na que Aveeca interpuxo a súa denuncia ante o Concello de Vigo, o Seprona da Garda Civil, constatou que «o Lagares, cerca da súa cabeceira e augas arriba da Lagoa de Mol, fora desviado por unha máquina escavadora e que numerosos pés de árbores de ribeira foran arrancadas«.
A morfoloxía do río, alterada
Os axentes matizaron que a actuación afectaba a unha extensión de terreo duns 250 metros de longo e alteraba a morfoloxía do río, «eliminando meandros e cortando a comunicación das augas da zona húmida coa canle orixinal». Mencionaron tamén a corta de árbores e limpeza de maleza adxacente, así como traballos silvícolas no corredor fluvial e no seu bosque galería.
O Servizo de Patrimonio Natural de Pontevedra emitiu finalmente o seu informe, no que incluíu a denuncia de Aveeca que lle remitira o Concello vigués, e «resolveu que na área en cuestión hai un ameneiral que constitúe unha zona ben conservada de interese comunitario, resultando afectadas tamén varias especies catalogadas como vulnerables, en concreto, a salamántiga rabilarga, a ra patilarga e un narciso clásico (narcissus cyclamineus)».
Repoñer o «tramo destruído do río Lagares»
Resolveu impoñer á Comunidade de Montes de Santa Mariña de Cabral unha sanción de 98.500 euros, «considerada de contía media para un tipo de infracción grave», e fixou un prazo de 3 meses para restablecer a legalidade mediante a restauración do medio natural ao estado anterior, “repoñendo o tramo destruído do río Lagares”. Así mesmo, «os comuneiros terán que presentar previamente un proxecto de restauración ante a Consellería de Medio Ambiente e non poderán comezar a executalo sen a autorización da Administración».

