Deportes

Dous ouros e catro bronces galegos no Open de Bulgaria de Taekwondo

O torneo era puntuábel para o ránking olímpico

Dous ouros e catro bronces galegos no Open de Bulgaria de Taekwondo

Esta fin de semana celebrouse  en Sofía o Open de Bulgaria (G-1) e Galicia logrou varias medallas tanto na categoría absoluta como en júnior. En total foron 2 ouros e 5 bronces para taekwondistas galegos, neste torneo que era puntuábel para o ránking  olímpico e no que estaban en xogo puntos para clasificarse para o Europeo deste ano.

Absoluta

Na categoría absoluta, Sergio Troitiño (-87, Mat´s) acadou a medalla de ouro, mentres que Irene Montemuiño (-62, Natural Sport), Tania Castiñeira (+73, Hebe) e Iván García (+87, Mat´s) foron bronce.

Sergio Troitiño segue a demostrar un gran nivel e mellora en cada competición. O galego, que saía como cabeza de serie número 2, librou o primeiro combate e superou a Alexander Pryazhikov en cuartos en tres asaltos moi disputados e ofrecendo un gran espectáculo. Na semifinal enfrontouse a Ismael Bouzid (Francia) ao que tamén venceu en tres rounds e logrou meterse na final onde esperaba o grego Vasileios Tholiotis, cabeza de serie número 1 do torneo. Aquí Sergio conseguiu a vitoria en dous asaltos axustados e de calidade e acadou a a medalla de ouro.

Pola súa banda, Iván García (+87) continúa a dar pasiños para reencontrarse totalmente trala grave operación de xeonllo do pasado ano. En Bulgaria logrou a medalla de bronce tras eliminar nos cuartos de final a Miguel Ferrera (Honduras) ao que venceu con gran facilidade en dous asaltos. Pero na semifinal esperaba, outra vez, o ruso Vladislav Larin, que é un oso duro de roer. O galego caeu en dous asaltos, dando a cara, e loitando ata o final e xa pensa na vindeira competición.

Feminina

Na categoría feminina, dous bronces galegos. Irene Montemuiños (-62) conseguiu un meritorio tercer posto. No primeiro combate enfrontouse a Eleni Vasiliadou (Chipre) e foi moi superior nos dous asaltos, gañando por diferenza de 12. No segundo combate a rival era Jone Magdaleno, actualmente número 1 da clasificación nacional e campioa de Europa. Foi un combate moi axustado que se resolveu no terceiro asalto a favor da nosa deportista.

E as semifinais foron contra Nadja Savkovic (Serbia), número 9 na clasificación mundial. Foi outro  combate tremendamente apertado no marcador, pero nesta ocasión caeu a favor da serbia.

E tamén logrou o bronce Tania Castiñeira no peso pesado. A taekwondista do Hebe venceu nos cuartos de final a representante de Grecia, María Tsontaki, con moita claridade e en dous asaltos. Na semifinal esperaba Kristina Adebaio, unha vella coñecida nos tapices e, a pesar de que foron dous asaltos moi axustados, Tania non conseguiu superar a Adebaio, que foi finalmente a gañadora do campionato.

Júnior

Na categoría júnior tamén houbo competidores galegos que viaxaban cos seus clubs e que lograron fantásticos resultados. Así na categoría masculina, en -45 quilogramos, tivemos dobre presenza no podio de medallistas. O ouro foi para Víctor Videla  (Natural Sport), mentres que Adrián Davila (Kae Sport) acadou a medalla de bronce.

Esta foi a traxectoria de Víctor ata o chanzo máis alto do podio. Venceu en primeira rolda a Fabio Carvalho (Gran Bretaña) en dous cómodos asaltos. A continuación, nos cuartos, eliminou a Alexandros Papastergiou (Grecia) nunha loita máis axustada (2-1). Na semifinal atopouse cun gran coñecido, o tamén galego Adrián Davila (Kae Sport) e Víctor logrou supéralo para plantarse na gran final, onde esperaba o ucraíno Mykyta Bulavín, do que o deportista do Natural Sport deu boa conta en dous asaltos.

Pola súa banda, Adrián antes das semifinais ante Víctor, eliminou ao búlgaro Cvetoslav Dzhezou en dous cómodos asaltos, para despois enfrontarse a Gonzalo Maxques (Portugal) ao que venceu en dous rounds e por diferenza de 12 en ambos.

E rematamos co bronce de Tomasa Franco (-55 quilogramos, Natural Sport) que tivo que vencer en tres combates para poder subir ao podio. Tomasa gañou a Anna Faidra Tzirti (Grecia) en dous asaltos e posteriormente superou á tamén local Evangelia Chorianopoulou polo mesmo marcador. Nos cuartos de final, Tomasa gañou nun axustado combate á búlgara Stanislava Kostadinova (2-1) para así garantir a súa medalla. E na loita por meterse na final, Franco perdeu ante a serbia Jana Bursac.

También te puede interesar