Galicia

O BNG aposta por darlle ao Naval de Vigo un lugar prioritario no despegue industrial de Galiza

Apostando pola investigación e a innovación

O BNG aposta por darlle ao Naval de Vigo un lugar prioritario no despegue industrial de Galiza

O BNG reactivará dende o goberno da Xunta a Lei de desenvolvemento do Naval para darlle ao sector e a Vigo un lugar prioritario no despegue industrial de Galiza. Ese compromiso, xunto á posta en marcha do centro de reparacións navais na ría viguesa e a aposta pola innovación, especialización e o soporte financeiro para acometer proxectos, foi posto sobre a mesa nun encontro do cabeza de lista do Bloque, Luís Bará, con representantes da Asociación do Cluster do Naval Galego (ACLUNAGA).

O nacionalista garantiu que o goberno do BNG avogará polo desenvolvemento industrial de Galiza de base tecnolóxica e, concretamente, polo papel de Vigo como a grande locomotora industrial do país. Subliñou que no plan de desenvolvemento industrial o naval vai ocupar un lugar “absolutamente central” e anunciou a recuperación e posta en marcha a Lei do Naval do 2010 e a convocatoria da mesa do naval con todos os axentes do sector para desenvolver un plan de impulso con diversas liñas de actuación.

Investigación e innovación

A investigación e a innovación –coa creación dun centro tecnolóxico-, a diversificación produtiva e a especialización na construción, a sustentabilidade e a descarbonización seguindo as últimas tendencias, a cualificación profesional e o relevo xeracional -un grave problema que ten o sector polas xubilacións que están ás portas-, a mellora das condicións laborais e a loita contra a precarización e a sinistralidade laboral, enumerou Bará, serán eixos no traballo do Bloque dende a Xunta para potenciar o sector.

Financiamento

Tamén subliñou que é precisa unha aposta decidida polo financiamento, polo que garantiu o soporte financeiro que permita acometer novos proxectos e captar pedidos tanto domésticos como internacionais, e que os proxectos galegos entren no Perte do Naval. Puxo sobre a mesa tamén a constitución da Xerencia Galega do Sector Naval, con participación das consellerías de Industria e de Traballo.

Bará, finalmente, anunciou a reactivación dun proxecto que leva xa máis de 15 anos gardado nun caixón da Xunta do PP, o centro de reparacións navais da ría de Vigo, “un proxecto que no seu día impulsou o BNG –lembrou- e que imos recuperar para que Vigo cumpra un papel central en todo o que ten que ver coas reparacións navais”.

Diversificar

“A necesidade de diversificar o sector, xunto a falta de carga de traballo na construción naval, fan que a reparación e transformación de buques sexa un elemento fundamental para o futuro do sector na Ría de Vigo, clave para manter o coñecemento e a capacidade profesional do sector”, matizou.

No BNG temos capacidade, experiencia e un proxecto de país para poñer o naval e a industria no centro das prioridades da creación de riqueza e da creación de emprego”, salientou, polo que pediu que o vindeiro 18F a formación nacionalista teña a posibilidade de demostrar a validez das súas propostas.

“Toda a xente que estea cansa da maneira de gobernar do Partido Popular, sa súa apatía e esgotamento, ten a alternativa do cambio no BNG, no que caben todas as maneiras de querer a Galiza”, dixo, solicitando unha participación masiva e que se xunten no Bloque todas as papeletas da xente que quere cambio.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.