Galicia

O BNG destinará á ciencia, investigación e innovación o equivalente ao 2,5% do PIB

E recuperará o «talento emigrado»

O BNG fará da investigación “unha prioridade de país”, porá en marcha nos seus primeiros 100 días de goberno un grande ‘Pacto galego pola ciencia’ e avanzará nunha dobre dirección: máis recursos e estabilidade laboral na investigación científica e tecnolóxica.

Encontro con investigadores na Universidade de Vigo

Así o anunciou hoxe o cabeza de lista do BNG, Luís Bará, nun encontro con persoal investigador dos laboratorios da Facultade de Bioloxía da UVigo, Asegurou Bará que investir en I+D+i “é o mellor salvoconduto para xerar riqueza e favorecer unha economía competitiva e con empregos dignos”. Por iso comprometeu que un goberno liderado polo BNG colocará a investigación científica como unha prioridade de país para que haxa unha estreita conexión entre a investigación e as necesidades de Galiza, incentivando a transferencia de coñecemento ao tecido produtivo nun grande Pacto galego pola ciencia a desenvolver nos primeiros 100 días de goberno.

Intelixencia Artificial, cambio climático, envellecemento ou biomedicina

Na súa intervención fixo fincapé en que o país precisa a ciencia e a innovación para facer fronte a grandes retos como o cambio climático, a xestión de residuos, o envellecemento da poboación, a biomedicina, a intelixencia artificial e as novas tecnoloxías, así como a prestación de servizos na sociedade do benestar, da xustiza social e da preservación do territorio.

O líder da candidatura en Pontevedra subliñou que é preciso reforzar o sistema de I+D+i nas universidades, porque é o principal foco de ciencia e investigación, e maximizar a colaboración entre universidade, empresa privada e administración pública. Salientou que urxe un financiamento estable e suficiente, achegándose á media da Unión Europea, cun programa de recursos humanos integral para todas as etapas da carreira investigadora que achegue estabilidade e planificación ao persoal investigador.

Poñendo números sobre a mesa, destacou que o goberno do BNG destinará á ciencia e innovación o equivalente ao 2,5% do PIB de aquí a 2030 “para sacar a Galiza do furgón de cola onde está hoxe cun investimento que apenas chega ao 1% do PIB”.

Investigadores e investigadoras

En relación á estabilidade laboral, as propostas do BNG pasan por definir a carreira profesional investigadora que debe contar co seu propio estatuto que recolla dereitos e deberes; un plan retorna para recuperar o talento emigrado por falta de oportunidades ou por condicións laborais pésimas; e un organismo de xestión, retención e captación de talento, (INNOGAL) como xa teñen outros territorios como Euskadi ou Catalunya con grandes resultados.

“Se queremos apoiar a investigación científica máis alá da retórica hai que darlle condicións laborais estables e de calidade ao persoal, non se pode esperar unha ciencia de calidade, con precariedade, con temporalidade e con baixos salarios, alegou Bará.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.