Destacados Vigo al minuto

Nove organizacións, de Amnistía Internacional a Cáritas, reclaman á Xunta e ao Concello medidas para garantir o acceso á vivenda

Ao cumprirse dous meses do incendio con de Alfonso X

Nove organizacións, de Amnistía Internacional a Cáritas, reclaman á Xunta e ao Concello medidas para garantir o acceso á vivenda

Amnistía Internacional, Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, Fundación Érguete – Integración, Os Ninguéns, a Parroquia do Cristo da Vitoria, Proclade Fundación, Provivienda, a Rede Social Galicia Sur e o Sindicato de Inquilinas Vigo Tui Baixo Miño remitiron senllas cartas ao Alcalde de Vigo e á Delegada da Xunta nas que reclamaron que os orzamentos para 2024 de ambas administracións inclúan medidas que permitan poñer en práctica un decálogo de medidas para garantir o dereito á vivenda en Vigo.

15% do parque de vivendas da cidade

Reclamamos un plan plurianual que garanta o incremento progresivo do parque mínimo de vivenda destinado a políticas sociais, incluído o alugueiro social, un calendario para acadar a media europea do 15% de vivenda social do parque municipal de vivendas en Vigo“, sinalou Isabel Flores, voceira de Amnistía Internacional.

O tráxico incendio ocorrido na rúa Alfonso X na madrugada do pasado mércores 11 de outubro no que faleceron catro persoas, tres delas menores, e outras nove foron hospitalizadas, pon de manifesto a necesidade urxente deste plan de vivenda social,” manifestou Ana Pardo, voceira de Provivenda.

O prezo medio do alugueiro, o dobre que hai unha década

Segundo datos oficiais, o prezo medio actual do alugueiro en Vigo duplicouse na última década e a principios de 2023 era de 590 Euros, cifra que pode duplicarse en zonas como o centro ou Canido” declarou Adolfo Telmo Pérez, voceiro do Sindicato das Inquilinas- Sindicato de Vivenda, que denunciou que “en 2022 houbo 266 desafiuzamentos na provincia de Pontevedra, cunha media de 5 á semana. “Pedimos ao Concello que solicite á Xunta a aplicación do control de prezos de alugueiros en zonas tensionadas de Vigo para garantir o acceso ao dereito humano da vivenda, que debe ser alcanzable, non un ben de investimento ou un produto de luxo“.

Decálogo para garantir o acceso o dereito á vivenda para todas as persoas, a non discriminación e enfoque de xénero

Para garantir o dereito á vivenda, as nove organizacións propoñen ao Concello e á Xunta un decálogo de medidas, seis delas urxentes e catro a medio prazo.

Medidas urxentes

1.- Establecer un rexistro adecuado das vivendas dispoñibles en Vigo, incluídas as vivendas da Sareb dispoñibles para alugueiro social.

2.- Promover o alugueiro social, en particular o alugueiro público, artellando e dinamizando unha bolsa de vivenda de alugueiro con garantías para as persoas propietarias e apoio para as inquilinasque incentive que as vivendas dispoñibles se dediquen ao alugueiro que garanta que se conta con recursos e vivendas propios que permita dispoñer de alternativas para situacións de emerxencia.

3.- Adoptar medidas para evitar o crecemento do número de vivendas baleiras e sistemas que permitan que as persoas que as necesitan poidan acceder a elas.

4.- Aplicar decontado as medidas de control de prezos en zonas tensionadas segundo o disposto no artigo 18 da Lei 12/2023 de Vivenda.

5.-  Incluír nos orzamentos de 2024 unha partida orzamentaria cun obxectivo cuantificable que garanta un parque mínimo de vivendas destinadas a políticas sociais, incluído o alugueiro social. Este obxectivo debería ser, como mínimo, o equiparable ao estándar dos países da nosa contorna da Unión Europea do 15% das vivendas principais existentes.

6.- Garantir o incremento necesario dos recursos humanos e financeiros nas partidas dos orzamentos de 2024 dedicadas aos Servizos Sociais para que poidan desenvolver o seu labor de forma eficaz.

Medidas a medio prazo

7.-Elaborar, coa participación das organizacións especializadas e das persoas afectadas, un plan plurianual que determine unha porcentaxe anual de incremento progresivo do parque de vivenda social e estableza un calendario para acadar, o máis axiña posible, o obxectivo do 15% do estándar europeo do parque municipal de vivenda social.

8.-  Garantir que ningún desafiuzamento deixa ás persoas na rúa, potenciando o Programa contra Desafiuzamentos do Concello de Vigo cun protocolo específico de actuación en casos de desafiuzamento por impagamento hipotecario ou por alugueiros, que permita asegurar que toda persoa desafiuzada dispón dunha alternativa habitacional adecuada, que deberá ser pública, no caso de que outra solución non estea dispoñible, garantindo así unha vivenda alternativa a persoas sen recursos.

9.-  Incorporar a perspectiva de xénero nas políticas municipais de vivenda, dado que as mulleres teñen unha maior taxa de risco de pobreza, maior precariedade laboral e peores indicadores socioeconómicos.

10.-  Garantir a non discriminación, incluíndo medidas para evitar calquera tipo de discriminación no acceso á vivenda garantindo o seu acceso a todas as persoas residentes en España.

A vivenda social, clave

vivenda social é clave para garantir o acceso á vivenda cando as condicións do mercado inmobiliario son un obstáculo insuperable para moitas persoas en situación de vulnerabilidade“, declarou Juan Antonio Terrón, voceiro da parroquia Cristo da Vitoria.

 “Para garantir o acceso ao dereito á vivenda non hai unha única receita máxica, senón que cómpre adoptar unha serie de medidas, algunhas urxentes e outras a medio prazo, para garantir o acceso do dereito á vivenda para todas as persoas, a non discriminación e o enfoque de xénero”, Fran del Riego, voceiro da Rede Social Galicia Sur, que agrupa a 16 organizacións de Vigo.

“A combinación destas medidas mitigaría o impacto deste problema. Facelo é responsabilidade da Xunta e do Concello“, destacou José Ángel Iglesias, voceiro de Cáritas Diocesana de Tui-Vigo.

O parque de vivendas sociais en España representa o 2,5% do total de vivendas, moi lonxe da media do 9% de media dos países da Unión Europea“, subliñou Ana María Álvarez, voceira da Fundación Érguete-Integración.

“Dese parque, só un 1,6% das vivendas existentes están dedicadas a políticas sociais, mentres que a media dos países da nosa contorna supera o 15%“, manifestou Carmen López, da Fundación Proclade. España só supera a Eslovaquia, Bulgaria, Portugal, Estonia, Croacia, Romanía, Grecia ou Chipre e está moi lonxe dos países con maior taxa de vivenda social como Países Baixos (30%), Austria (24%) Dinamarca (21%) Suecia (19%) e Francia (16%).

También te puede interesar