Comarcas Vigo al minuto

José Manuel Alfonso, alcalde das Neves, “O gran problema é a perda de poboación e hai que impulsar a rehabilitación de barrios e vivendas”

“Atopei o Concello ben, cuns traballadores e traballadoras moi comprometidos”

José Manuel Alfonso, alcalde das Neves, "O gran problema é a perda de poboación e hai que impulsar a rehabilitación de barrios e vivendas"

Xa pasaron os cen días de cortesía, de adaptación, de aclimatación, dos integrantes e responsábeis dos novos gobernos municipais. É o caso de varios dos da Área de influencia de Vigo, como o das Neves, que dende a metade do verán está presidido por José Manuel Alfonso, co que vigoalminuto quixo falar sobre estos primeiros meses de xestión e sobre o traballo realizado.

Vigo Al Minuto.- Como atopou a situación do Concello? É así como o esperaba?

José Manuel Alfonso.- É unha pregunta complicada de responder, nunca sabes que recursos vas a ter, que proxectos hai en marcha, aínda que si houbo unha reunión previa de traspaso de poder… atopamos un pouco de todo: proxectos sen acabar, algúns en marcha e outros iniciados.

Economicamente, tampouco foi tan sensacional como nos contaron que estaba…no Pleno de investidura se nos dixo que contábamos con demasiados recursos…houbo un gasto excesivo de remanentes antes das Eleccións en obras de urxencia…non sei se en obras de urxencia ou en obras, realmente, de propaganda electoral e a día de hoxe non contamos con remanente. Iso non quere dicir que o Concello estivese en débeda, non, non era o caso.

No tema de proxectos algúns estaban a punto de iniciarse e tentamos modificalos puntualmente…lembro unha obra de pavimentación dunha pista que estaba afundida e que non viña a resolver o problema que había. Algúns proxectos fixéronse, ao meu entender, a correr, apresa e correndo sen analizar o fondo da cuestión. Polo demais atopei o Concello ben, cuns traballadores e traballadoras moi comprometidos e unha veciñanza con moita ilusión polo cambio.

VAM.- Cales son os proxectos máis urxentes que tedes en marcha?

JMA.- O proxecto máis urxente é a obra do enlace seguro na PO-400 coa parroquia de Setados, que está avanzando, xa tivemos dúas reunións coa concelleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, estivo aquí tamén o delegado da Xunta, Agustín Reguera, e avanzáronos de que estamos nun período definitivo de proxectos e empezaremos coa expropiación da parcela na que vai ese enlace, logo haberá un período de exposición pública de tres meses.

Estamos, ademais, con proxectos da reforma da piscina municipal, o Pavillón…e outros para os que non contamos con dotación presupostaria para levalos a cabo, como é o ‘co-living’ en Taboexa, no que o Concello ten que poñer 500.000 euros e estamos falando co Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para lograr esa subvención…porque contaba só cunha subvención de 120.000 euros.

Outro proxecto que nos gustaría que saíra adiante e o ARI, a rehabilitación de barrios,de vivenda e acondicionamento, no centro das Neves e no barrio da Estación… pero ten moitos atrancos por parte do Goberno central. Hai varias administracións implicadas, entre elas o Goberno central, que ten que desbloquear a ‘aplicación CoFFEE’ para que poidamos ‘pendurar’ toda esa información, e día de hoxe non a teñen habilitada, non sabemos se poderemos cumprir os prazos…non pola nosa culpa, senón pola do Goberno.

Logo hai proxectos do ‘día a día’, o tema de desbroces non está ocupando moitísimo, e arranxar incidencias que van aparecendo: tubaxes, alumeado, recollida de lixo e de voluminosos…proxectos pequenos que fan que as persoas teñan máis comodidade nos seus barrios e accesos á vivenda.

“Atopei o Concello ben, cuns traballadores e traballadoras moi comprometidos e unha veciñanza con moita ilusión polo cambio”

VAM.- Que medidas pode tomar o Goberno local no eido da vivenda, para facilitar a chegada de novos veciños e veciñas?

JMA.- Este é o gran problema que temos: a perda de poboación. Antes falei da rehabilitación de barrios, creo que é unha medida moi importante. Estas vivendas que están no centro sen veciños precisan ese plan para rehabilitalas e poñelas en alugueiro…hai un edificio que estaba embargado, que está en vías de solución, o propietario que é Abanca vai poñelo en venda…hai un proxecto para a ‘finca da Viguesa’ para urbanizala, e logo temos que acometer, senón unha reforma total do Plan Xeral, si incidir en actuacións parciais alí onde podamos facilitar a construción. Solares temos e zonas urbanizables, tamén. É un proxecto largo, vai levar tempo, pero temos que traballalo porque senón a poboación xove, sobre todo, se nos vai a concellos limítrofes.

VAM.- E en canto ao aluguer?

JMA.- Aí deberíamos ver a posibilidade, non sei se a nós [ao Concello] nos atangue, un incentivo ou non… a xente queixase de que os prezos son un pouco elevados. Deberíamos ter conciencia de que e mellor ter uns baixos alquilados, ou vivendas alquiladas a máis baixo prezo…sen meterme nas decisións de cada particular, deberiamos ver se temos a forma de incentivar e facilitar o alugueiro…non sei se nos compete a nós, creo que non, pero a lo menos concienciar de ter rehabilitadas as vivendas para que non se deterioren.

“O proxecto máis urxente é a obra do enlace seguro na PO-400 coa parroquia de Setados, que está avanzando”

VAM.- Considerando a extensión das Neves, cales son as necesidades en infraestruturas e comunicacións?

JMA.- A verdade é que As Neves ten un territorio moi amplo e uns núcleos poblacionais moi dispersos, pero tamén estamos moi ben situados, cunha Autovía con dous enlaces, dúas pontes internacionais en dous concellos limítrofes…non temos a nosa, pero espero tela algún día para darlle saída á PLISAN…pero o gran problema é interno de acceso a vivenda: eses camiños rurais que temos que acometer asfaltados, facelos máis anchos para que pasen as ambulancias ou os camións de bombeiros.

Logo está o transporte, que é unha loita moi importante… hai que acometer unha reforma. Temos na vila cinco taxis, entendo que o sector do transporte privado está perfectamente cuberto, pero non así o público. Tería que crearse unha rede de transportes para que persoas maiores poidan acceder a servizos básicos: centro de día, de saúde, vir ao Mercado ou a farmacia. Niso somos deficitarios. Imos ver como acometemos esta reforma e se as empresas de autobuses poden meter algunha liña máis para conectar a nosa xuventude con Vigo, por temas de estudos ou de lecer. En iso somos deficitarios, non tanto en vías principais, pero si no rural.

VAM.- En que momento se atopa o proxecto tan agardado da PLISAN?

JMA.- A zona urbanizada de Salvaterra xa ten unha empresa, Albo e están pendentes de que se instalen outras máis e logo quedan as dúas parcelas das Neves, que non son urbanizables neste momento: hai unha con 1 millón de metros cadrados que está bloqueada, espera o seu pronto desbloqueo e acometer aí a instalación de empresas. Nunha reunión co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, me trasladou que a Xunta estaba negociando con empresas de capital, basicamente, chinés, que demandan moitos metros. Iso por un lado, por outro o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana, que estivo de visita nas Neves, apuntou a mesma intención: hai negociación con empresas, van a empezar as obras da estación intermodal e hai algunha firma de Vigo… e Stellantis, nos traslada que está interesada en parcelas. Non sei agora con que fin, me extrana que sexa para unha planta de fabricación, quero pensar que é para almacenaxe de vehículos, pero sería un paso importante.

Agora mesmo o problema máis grande que temos, antes de desbloquear o uso destes terreos é o dos malos cheiros da biomasa. Xa llo trasladei ao presidente do Porto de Vigo os malos cheiros que proceden da depuradora e toda esa zona de biomasa, un bosque, que supón un risco de incendio e un perigo para os veciños de Liñares e Tortoreos. Tamén ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), por teléfono e mediante correos, e tamén en persoa, nunha reunión en Santiago.

Os malos cheiros son por un problema de bacterias…e hai que solucionalo. Se a empresa que xestiona a depuradora non fai as cousas como debe facelas, haberá que rescindir o contrato e que entre outra empresa. A veciñanza non pode estar soportando estes cheiros que dificultan moito a vida diaria.

En canto a estación intermodal sería moi importante habilitala para pasaxeiros…como o era non deixar ‘escapar’ a estación das Neves e ter un enlace para as persoas…para ir a coller o AVE a Ourense, para os estudantes que temos en Vigo ou en Santiago, traballadores…espero que haxa unha resposta positiva.

” O presidente Rueda, me trasladou que a Xunta estaba negociando con empresas de capital chinés, basicamente, para ocupar terreos na PLISAN, Tamén o presidente do Porto de Vigo e hai interese por parte de Stellantis”

VAM.- En materia de Igualdade, estase a traballar nalgunha liña?

JMA.- Temos varios proxectos…primeiro ‘muller e igualdade’: o noso Goberno está formado por tres homes e tres mulleres. É verdade que a figura do alcalde é masculina neste caso, pero confío en que o próximo rexedor sexa unha rexedora, confío plenamente niso e me gustaría.

Agora mesmo está desenrolándose un curso de dixitalización con vinte alumnas, para acceder ás novas tecnoloxías, para manexar un portátil, que ao final da formación a Xunta de Galicia destina ese ordenador para as asistentes. Estamos co Programa Mulleres Extramuros, artistas, na parroquia de Vide, onde se acometen obras de arte en distintos edificios. É unha iniciativa da Deputación e xa estaba aprobada polo Goberno anterior e, nese sentido temos que traballar pola plena igualdade.

Queremos desenrolar programas para a muller no rural, de xeito que haxa pleno acceso das mulleres a todo: información, transporte, novas tecnoloxías…a parte fundamental está na escola, todo o que se traballe na escola é esencial para acadar a plena igualdade. Senón empezamos polas nenas e nenos neste concello, e nesta sociedade, non estamos facendo as cousas ben.

También te puede interesar