Galicia Vigo al minuto

Folga nas escolas infantís de 0-3 anos

Os días 19 e 25 de outubro e 8 e 15 de novembro

Folga nas escolas infantís de 0-3 anos

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO Ensino e SNEP denuncian o “inmobilismo das patronais na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil, etapa 0-3″, e convocan 4 xornadas de folga e mobilizacións polas rúas galegas. Dúas delas serán na segunda quincena deste mes, os días 19 e 25,  e  outras dúas na 1ª quincena de novembro, os días 8 e 15. A protesta ten como xustificación “a defensa dos dereitos laborais, sociais e salariais das traballadoras das escolas infantís privadas e de xestión indirecta”.

Máis dun ano de negociacións

Nesta liña, as organizacións sindicais convocantes amosan o seu malestar coa marcha das negociacións, que se iniciaron hai máis dun ano. Denuncian que “as patronais non souberon estar á altura das necesidades do sector”. Tamén apuntan ao “incumprimento do compromiso acadado en xullo” e a ruptura da unidade sindical para “voltar ao entreguismo, por parte de UGT, USO e FSIE que deixan tiradas as traballadores dun dos sectores máis precarizados do noso país, que apenas cobran o Salario Mínimo Interprofesional e que non ven recoñecida a enorme responsabilidade social que ten o seu traballo”.

Asi, apuntan, a “escusa” dada por estas tres centrais sindicais, “que actúan con total entrega á patronal como xa amosaron coa sinatura do que foi o XII convenio actual, é que non ven unha convocatoria de folga de tantos días e neste momento”.

“Non hai vontade de chegar a acordos”

As centrais convocantes aseguran que nas 10 reunións da mesa negociadora, comprobaron que as patronais non mostraron vontade de chegar a ningún acordo que permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos, acordes coa responsabilidade do seu labor educativo e social coas crianzas.

Así mesmo, salientan, rexeitaron múltiples propostas feitas pola parte social no resto do articulado, no referente a melloras laborais e sociais; “ben non respostando ou mesmo propondo involucións en dereitos que non teñen xustificación dada a precariedade actual do convenio no seu conxunto”.

Retribucións por baixo do Salario Mínimo

Entenden que a “actitude das organizacións patronais pon de manifesto a falta de vontade negociadora co ánimo de atrasar e evitar afrontar a necesaria actualización dos salarios”. Seguindo este fío engaden que actualmente se atopan por debaixo do Salario Mínimo Interprofesional (SMI), “impedindo así que as traballadoras poidan recuperar o poder adquisitivo perdido”. Ademais, conclúen, negan a necesidade de incrementar o diferencial salarial para as educadoras infantís e tamén se opoñen á aprobación dunhas táboas salariais equilibradas, dignas e xustas para todo o sector.

Por estes motivos, CCOO ENSINO, CIG-ENSINO E SNEP convocan esas catro xornadas de folga, a primeira o prómo xoves, 19 de outubro  con manifestacións en Galicia. A de Vigo sairá ás 12:00h, dende o MARCO ate a Porta do Sol.

También te puede interesar