Destacados Vigo al minuto

O 78 % da poboación respirou aire contaminado por ozono durante este ano

Segundo un estudo de Ecoloxistas en Acción

'ConBici' revela que a calidade do aire en Vigo está ao límite das recomendacións da OMS

O informe estatal sobre ozono elaborado por Ecoloxistas en Acción, no que respecta a Galicia, analiza os datos recollidos entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro en 32 estacións de control da contaminación atmosférica pertencentes ás redes de vixilancia da calidade do aire da Xunta e doutras institucións e de distintas instalacións industriais.

Galicia

No que atinxe a Galicia, entre as súas principais conclusións, salientan:

  • O ozono é un contaminante moi complexo, que non ten unha fonte humana directa, senón que se forma na superficie terrestre en presenza de radiación solar pola combinación doutros contaminantes denominados precursores. En Galicia as principais fontes de precursores de ozono son o transporte e a maquinaria, a gandaría intensiva, os lumes rurais, o uso de disolventes e a combustión non industrial. Trátase dun contaminante típico da primavera e o verán.
  • Debido ás características climáticas da nosa terra (altas precipitacións e baixa radiación solar) a formación de ozono é moderada en comparación con outros territorios da Península Ibérica onde se acadan concentracións elevadas. Durante 2023 rexistrouse o menor número de superacións da recomendación da OMS da última década, coa excepción dos dous anos da pandemia (2020 e 2021).
  • O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia o valor diario recomendado pola OMS, segundo o cal o aire contaminado por ozono afectou en 2023 a toda a poboación e o territorio galegos, agás as áreas urbanas de Lugo, Pontevedra e Vigo, que ficaron por debaixo dos tres días de superación do valor recomendado.
  • A frecuencia das superacións do estándar da OMS en 2023 foi inferior á dos anos previos á pandemia, cun descenso do 39 % en relación á media das rexistradas no período 2012-2019 no conxunto do país.  En todas as zonas houbo descensos, agás na área urbana da Coruña e na Zona Norte de Galicia, nas que aumentaron un 25% e un 11%, respectivamente.
  • Durante este ano non se identificou poboación exposta a niveis superiores ao obsoleto obxectivo legal vixente para a protección da saúde nin ao novo obxectivo legal proposto para 2030 pola Comisión Europea, máis laxos que a recomendación da OMS.
  • Durante o verán de 2023, o sistema de monitorización da mortalidade diaria por todas as causas (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III identificou en Galicia 287 mortes atribuibles ás elevadas temperaturas, por riba das estimacións en anos anteriores, situación agravada pola exposición ao ozono durante as vagas de calor.
  • As principais vías de actuación para reducir a contaminación do aire por ozono son diminuír  a mobilidade motorizada e penalizar fiscalmente os vehículos diésel, unha moratoria para as macrogranxas e a ecoloxización da produción gandeira, substituír os disolventes orgánicos por auga, un despregamento ordenado das enerxías renovables e unha Área de Control de Emisións no Atlántico Nordés para reducir as emisións do tráfico marítimo.
  • Transcorridos nove meses desde o fin do prazo outorgado pola Lei estatal de Cambio Climático e Transición Enerxética para que os municipios de máis de 50.000 habitantes establecesen zonas de baixas emisións, para mellorar a calidade do aire e mitigar o cambio climático, só A Coruña e Pontevedra cumpren formalmente esta obriga legal en Galicia. Ecoloxistas en Acción pide ás autoridades locais que prioricen a saúde da súa veciñanza.

Consulta AQUÍ o informe.

Te podría interesar