O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra acaba de rescatar a 5 cachorros que foran arroxados dentro dunha bolsa atada nun colector na Cañiza. Os animais, tres femias e dous machos, tiñan tan só un día de vida e atópanse en relativo bo estado de saúde a pesar das circunstancias. Nestes momentos
están a recuperarse nas instalacións da área de maternidade do centro na Armenteira.
O sábado
Foi unha veciña a que os descubriu o pasado sábado, 30 de setembro e deu aviso á Garda Civil, que alertou ao CAAN. De inmediato, persoal do centro trasladou aos cinco cachorros, tres femias, ás que se lle deu o nome de Brisa, Bimba e Lola, e dous machos, chamados Sancho e Lucas.
Asi, nas instalacións da Armenteira están a recibir a alimentación e os coidados necesarios e, de continuar a súa
favorable progresión, seguirán no centro ata completar o proceso para saír en adopción, que se prevé nun par de meses en canto conten coa pauta de vacinación completa. Amais, os animais sairán desparasitados interna e externamente e con chip.
52 concellos da provincia
Na actualidade, hai 52 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes adheridos ao CAAN. O centro traballa 24 horas ao día os 365 días do ano, con servizos de recollida e veterinario de urxencia. As adopcións son gratuítas e o persoal asesora sobre o can ou cadela que pode adaptarse mellor ás súas necesidades das persoas interesasdas.
Tanto para visitas como para formalizar as adopcións pídese cita previa nos teléfonos 986 140 360 ou 886 217 391.