Deportes Vigo al minuto

Abertas as inscricións para o ‘Trail do Trega 2023’

A proba deportiva terá lugar no Monte Santa Trega da Guarda

Abertas as inscricións para o 'Trail do Trega 2023'

Comeza a conta atrás para unha nova subida ao Monte Santa Trega da Guarda. Xa están abertas as inscricións para participar na carreira dos famosos castros celtas, sendo esta a terceira e última proba da competición correspondente á Pontevedra Trail League 2023, tralas do Monte Aloia e a dos Muíños do Folón. Por iso, os que aspiren a gañar a “liga” terán que loitar por ocupar os primeiros postos.

Novidades

Nesta décima edición haberá algunhas novidades: a primeira, as dúas distancias, 12 km con 450 metros de desnivel positivo para o Mini-trail e 19 km con 900 metros de desnivel para o Grand Trail. Ámbolos dous, por primeira vez, sairán á mesma hora, compartindo parte do percorrido.

A segunda novidade é o límite de prazas, 200 para cada unha das probas, xa que o Monte Santa Trega é un ben patrimonial e non pode, nin debe, estar saturado de corredores. O terceiro lugar é para “unha gran sorpresa para todos e todas”, que será comunicada pola organización cando antes do evento. Ademais, cabe lembrar que o sábado 18 de novembro terá lugar unha andaina popular para as persoas que o desexen, previa inscrición.

Os deportistas que xa participaron en anteriores edicións coñecen ben as fabulosas vistas que ofrece o monte Santa Trega, o segundo lugar máis visitado de Galicia, só por detrás da Catedral de Santiago. Os que se apunten por primeira vez descubrirán unha experiencia única “ver as augas do Atlántico bañando a vila guardesa”, unha imaxe que sempre se lembra e queda para o recordo.

Por iso ata as 23:59 horas do día 15 de novembro, os que o desexen poderán anotarse para participar no X TRAIL DO TREGA, a través de www.traildotrega.com.

Te podría interesar