O Concello de Nigrán ven de estrear en redes o derradeiro documental da triloxía ‘Nigrán na Memoria’, o correspondente a Rosalía González, representante da última xeración de redeiras de Panxón. Anteriormente foi o de Rosa ‘de Malde’, única muiñeira de Camos en activo, e o de Esther Nande, a única campaneira do Val Miñor e a cargo da igrexa de Santiago de Parada.
A curta, de 20 minutos de duración está pendurada, tamén na web do Concello www.arquivoaudiovisualnigran.org, creada no 2021 co obxectivo de recuperar e preservar o pasado máis recente do municipio e, por outra banda, difundilo.
Neste sentido, o Concello ten estreado tamén este ano ‘A memoria da auga’, outro documental de relatos sobre a singular actividade muiñeira na parroquia de Chandebrito
O Concello traballa xa na gravación de novas curtas de persoalidades do municipio que representan un oficio de antano ou tradición e está aberto a propostas no correo [email protected]
94 anos mirando ao mar
Rosalía González, de 94 anos, pertencente a unha gran familia mariñeira con ancestros que nin coñeceron os barcos a motor e representa á última xeración de redeiras de Panxón. “Empecei con 17 anos. Encantábame traballar na rede. Éramos só mulleres e íamos tamén a Baiona, Canido ou Saiáns, e todo andando”, indica mentras enumera os diferentes barcos e os seus patróns ou as diferentes artes de pesca que existían entón e para que servían.
“Hoxe en día xa se ocupan os mesmos propietarios de atar as redes”, explica Rosalía, quen todavía lembra “o grande que era a Praia de Panxón”, onde se sentaba a traballar de 9:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00 e practicamente todo o tempo cantando. “Pasabamos moito frío e moito calor, era duro”, e esta dureza multiplicábase co seu home no Gran Sol durante meses e ela soa a cargo dos fillos.
“Non estivo presente nos nacementos e cando chegaba a terra os críos lle escapaban porque non o coñecían”. Rosalía tivo que compaxinar o traballo de redeira con outros oficios, como mariscar longueirón e cadelucha en Panxón e croques en Lourido. “Despois da Guerra todo foi moi duro pero había moito peixe que nos salvou da fame, o comiamos á brasa porque nin para aceite tiñamos”, rememora.