Destacados Vigo al minuto

O BNG rexeita as altas retribucións do goberno da Entidade Local de Bembrive

15.000€ para a alcaldesa, 30.000€ para o vogal de Montes e 12.000€ para o tenente de alcalde

O BNG rexeita as altas retribucións do goberno da Entidade Local de Bembrive

O Bloque Nacionalista Galego denuncia as elevadas retribucións do Goberno socialista na Entidade Local Menor (ELM) de Bembrive. Así, o BNG rexeita os salarios aprobados no Pleno de Organización, celebrado este pasado mércores, diante da “grave” situación económica que atravesa a institución tras sucesivos casos de corrupción e dunha xestión “nefasta”.

‘Prácticas caciquís’

“Dende o BNG temos que lamentar que o PSOE insista nas prácticas caciquís”, afirmou o voceiro do BNG en Bembrive, Roberto Fernández Vila, quen asegurou que xa son “demasiados anos de desgoberno e de malgasto” por parte dos socialistas, a quen afeou que sigan utilizando a Entidade Local como o seu “cortello” mentres a parroquia queda no abandono.

Fernández Vila esixiu nese sentido unha rectificación do PSOE para garantir a viabilidade da ELM e comezar co urxente saneamento das súas contas. “Teñen que poñer dunha vez por todas as necesidades das veciñas e veciños de Bembrive fronte aos seus intereses particulares”, advertiu o voceiro nacionalista, que chamou a “abrir un tempo novo” na institución para deixar atrás o “triste récord de corrupción” con 20 anos de inhabilitación e varios de prisión entre os dous últimos alcaldes pedáneos.

15.000 euros de salario para a alcaldesa

Así, o portavoz do BNG en Bembrive cualificou de “inaceptábel” que a alcaldesa, Patricia Otero, se asigne un salario de 15.000€, xunto cunha dedicación exclusiva de 30.000€ para o vogal de Montes e outra de 12.000€ para a tenente de alcalde.

Outro dos puntos críticos para o Bloque ten a ver coas indemnizacións por asistencia dos vogais (de 450€ por Pleno para un gasto total de 10 mil euros anuais) que é máis do que cobran por sesión plenaria no Concello de Vigo, de 360€.

“Especialmente ofensivo é o caso do vogal de Montes”, subliñou Fernández Vila, que asegurou que pese a ser o monte o principal motor económico da parroquia, este leva anos “abandonado sen políticas que permitan potencialo e valorizalo para xerar riqueza local”.

Dende o BNG advertiron, ademais, de que estas retribucións suporían gastar unha parte “moi significativa” da achega económica que realiza o Concello de Vigo á ELM. Unha contribución que, alertou o voceiro nacionalista en Bembrive, depende dun convenio caducado dende 2021 e que urxe renovar para garantir a continuidade da institución.

También te puede interesar