Cultura Vigo al minuto

Déborah Vukušić gaña o Torneo de Dramaturxia de Galicia con ‘Musas do metal’

Celebrado en Cangas

O Torneo de Dramaturxia de Galicia celebrou xa a súa sétima edición e consolídase como unha aposta firme da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas para dar a coñecer a dramaturxia galega, creando un nexo directo entre autoras/es e público. Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega.

O Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela foi o escenario para representar este particular combate, no que, un ano máis, Esther F. Carrodeguas foi a mestra de cerimonias da gala. Catro recoñecidas dramaturgas e dramaturgos de Galicia batéronse na procura do voto do público. Finalmente, o premio foi para a actriz, escritora e directora ourensá Déborah Vukušić, cun texto titulado ‘Musas do metal’. Nesta ocasión, as actrices Marián Bañobre e Cris Iglesias foron as encargadas de poñerlle voz á historia.

Vukušić recoñeceu sentirse moi feliz polo premio recibido. Na entrega do galardón, dedicoullo ás actrices que interpretaron o seu texto, aínda que tamén fai extensible a dedicatoria a toda a xente que a apoia e, por suposto, aos seus pais.

‘Musas do metal’

‘Musas do metal’ é a historia da crise creativa dunha autora que, nun soño, esperta no Olimpo para poñer unha reclamación. Esta é a primeira vez que Vukušić participa como dramaturga, aínda que xa estivera noutras edicións do Torneo, como público e tamén como actriz.

Os outros textos que participaron neste Torneo foron: ‘O inesperado encontro entre William Henry Gates III e o incerto señor Stephen William Hawking I’, escrito por Manuel Cortés e interpretado por Fran Peleteiro e Eva Jáudenes; ‘Os robots non saben abrazar’, de Ana Abad de Larriva, texto ao que deron vida Martín Máez e Noa Covelo; e ‘Uxhía ou a falta de amor’, de J. L. Baños de Cos, representado no Auditorio polas actrices Rocío Salgado e Marta Pérez.

Déborah Vukušić explica que competir con autores e autoras do nivel de Manuel Cortés, Ana Abad de Larriva e Baños de Cos “fai que dubides sobre o teu traballo e até sentes o ‘síndrome da impostora’”. A dramaturga salienta a importancia deste Torneo, como un “elemento fundamental da programación da Mostra. Xa é unha marca e sinal da súa identidade”.

A Asociación Galega de Dramaturxia é a plataforma das autoras e autores dramáticos de Galicia. Naceu no ano 2015 coa intención de mellorar, defender e velar polas condicións laborais das profesionais do sector e visibilizar a dramaturxia galega.

Así mesmo, promove actividades de formación, edición de pezas teatrais e xera espazos de encontro e debate procurando, sempre, novas fórmulas que incentiven a posta en escena das dramaturxias galegas.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.