Comarcas Vigo al minuto

Covelo recibe ás primeiras alumnas en prácticas do Campus Rural da UVigo

Traballarán e vivirán no concello durante tres meses

Covelo recibe ás primeiras alumnas en prácticas do Campus Rural da UVigo

O alcalde en funcións de Covelo, Pablo Castillo, e a concelleira de Formación en funcións, Lourdes Enes, recibiron ás tres alumnas da Universidade de Vigo que realizarán as súas prácticas no Concello.

Alba Carrín Méndez, Laura García González e Nerea Rodríguez Figueroa completarán a súa formación mediante a realización de prácticas académicas externas, tanto curriculares como extracurriculares, no ámbito rural. As tres elixiron Covelo polas tarefas laborais que ofertaba o Concello.

Así, Alba apoiará o traballo da asistenta social para rematar o seu grao de Traballo Social; Lara as de Promoción turística para completar o seu dobre grao de Turismo, Historia e Xeografía e Nerea as de Administración, Dereito, Urbanismo e Rexistro Civil como colofón aos seus estudos do grao de Dereito.

Traballar e vivir en Covelo

Ao longo destes tres meses desenvolverán o seu traballo no concello e tamén serán veciñas do mesmo, xa que as prácticas requerían o compromiso de residir no mesmo. Chegadas doutros concellos e doutras provincias, “ningunha das tres coñecía a beleza natural e a riqueza patrimonial de Covelo pero foi algo decisivo á hora de seleccionar este rincón da Paradanta para completar a súa formación”, sinalan dende o Goberno municipal.

Campus Rural

O Campus Rural é unha iniciativa do Ministerío para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que o Concello de Covelo non dubidou en solicitar “xa que non só dan apoio ao traballo do persoal municipal con profesionais formados se non que promove entre a mocidade o noso concello”, explica o alcalde en funcións.

A procura dun fogar para vivir estes tres meses non foi doada pero as tres aseguran que contaron co apoio do Concello e manifestan estar contentas coa súa nova residencia temporal. Seguirán estudando para poder quedar en Galicia e desenvolverse profesionalmente na súa terra, quen sabe si Covelo volverá estar presente na súa traxectoria laboral pero, polo de agora, será aquí onde contribúan cos seus coñecementos.

Ámbalas tres poden dicir que estudaron aquelo polo que sentían vocación, agora Covelo ofrécelles unha toma de contacto co traballo diario, co real, aquel no que teñen que aplicar os apuntamentos teóricos. Grazas a este convenio de cooperación educativa entre o Concello e a Universidade de Vigo facilítase a preparación para o exercizo profesional e a inserción laboral.

“Titorizadas polas responsables destes servizos potenciarán a autodeterminación de usuarios/as e colectivos; crearán actividades turísticas e de resolución de conflitos; limitación e lexitimación dos poderes sociais; funcións promocionais da xustiza e do benestar da cidadanía, entre outras tarefas”.

También te puede interesar