Galicia Vigo al minuto

Este venres comeza a veda do polbo que rematará o 3 de xullo

Trátase dun período necesario para o ciclo da vida da especie

Este venres comeza a veda do polbo que rematará o 3 de xullo

Trátase dun período necesario para o ciclo da vida da especie

A veda do polbo da campaña 2023-2024 comeza este venres ás 16.00 horas e rematará ás 05.00 horas do vindeiro 3 de xullo. Así o establece a resolución pola que se aproba o plan experimental para a xestión do polbo con nasa, que entra en vigor mañá e permanecerá vixente ata que se publique o plan da seguinte campaña extractiva e a correspondente veda.

Non obstante, malia finalizar a actividade extractiva, as capturas desembarcadas o 19 de maio poderán comercializarse tamén ao día seguinte naquelas lonxas que tradicionalmente rexistran vendas deste
cefalópodo os sábados.

Axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie

Este período de descanso para a especie é necesario para axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e contribuír a unha explotación máis sustentable. Isto supón que queda expresamente prohibida a captura; tenza a bordo; transbordo; desembarco; almacenamento; venda ou comercialización desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, a frota dedicada á captura deste cefalópodo con nasas deberá retiralas do seu calamento e levalas a porto. O tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

Aumento dos topes de captura

Así, este ano, froito dos contactos coas federacións de confrarías e das correspondentes avaliacións técnicas do estado do recurso, a Consellería do Mar decidiu incrementar os topes máximos de captura fixados no plan en relación con campañas anteriores.

Polo tanto, a partir do 3 de xullo a cota máxima da especie será de 35 quilogramos por barco e día, á que se lle engaden 35 quilos diarios por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 240 quilogramos por xornada. No resto da campaña a cota máxima será de 55 quilos por embarcación e día, aos que se lle engaden outros 55 por cada tripulante enrolado e a bordo, ata un máximo de 350 quilos por xornada de traballo.

…e posibilidade de substituilos por topes semanais

Este plan tamén establece por primeira vez a posibilidade de substituír as cotas máximas diarias de captura e desembarco por topes semanais. Así será en función da evolución da campaña e atendendo a circunstancias que o xustifiquen debidamente. Será unha medida de carácter temporal que permanecerá vixente unicamente mentres duren as causas que a motivaron.

Plan 2023-2024

O novo plan de xestión do polbo regula aspectos como o horario autorizado para a actividade das embarcacións con nasa polbo que, unha vez remate a veda, irá desde as 06.00 horas -aínda que os barcos poden saír do porto ás 05.00 horas- e finalizará ás 16.00 horas.

Tamén limita o número de nasas permitido: queda establecido en función do tamaño da embarcación e do número de tripulantes enrolados e a bordo.

Réxime de calamento das nasas

En canto ao réxime de calamento das nasas, de cabo Silleiro ao Con da Aguieira, os aparellos terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días coa seguinte excepción: aquelas que estean establecidas en fondos superiores aos 20 metros poderán permanecer no seu calamento sen ser levadas a porto incluso durante o período
de descanso semanal.

O mesmo rexerá para a cara oeste da illa de Ons, desde o Con da Serriña ata o illote do Centulo, onde as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto e sen limitación de profundidade.

Na zona de Con da Aguieira a cabo Corrubedo, ata o 1 de outubro deste ano as nasas terán que levantarse e levarse a porto todos os días. Desde esa data ata o inicio da veda de 2024 as nasas poderán permanecer caladas incluso durante o período de descanso semanal.

No resto do litoral galego as nasas poderán permanecer no seu calamento sen ser levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal.

A actividade será controlada a través do programa de seguimento e control, levado a cabo pola Subdirección Xeral de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías de pescadores e os servizos contratados ao efecto.

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.