Vigo al minuto

O doutor Miguel Cela, residente na sanidade pública de Vigo, gaña o ‘Arthros Racing’

É o único médico seleccionado en España para unha formación avanzada de artroscopia

O doutor Miguel Cela, residente na sanidade pública de Vigo, gaña o 'Arthros Racing'

É o único médico seleccionado en España para unha formación avanzada de artroscopia

O doutor Miguel Cela López, médico residente de cuarto ano do servizo de Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), foi o gañador da primeira edición do Arthros Racing. Trátase dun programa de adestramento na formación artroscópica de alto rendemento desenvolvido polo laboratorio Smith + Nephew.

Neste adestramento, só os mellores de cada fase avanzan cara a seguinte etapa, ata que finalmente a avaliación do equipo docente selecciona ao mellor alumno. A recompensa é unha estancia no hospital que o gañador elixa para aprender dos mellores cirurxiáns artroscópicos.

O mellor entre 50

O doutor Miguel Cela concorreu na primeira edición iniciada no pasado 2020 enfrontándose a medio centenar de especialistas de toda España. A primeira fase consistiu en familiarizarse con esta técnica cirúrxica xerando novas habilidades cun simulador artroscópico.

Superada esta fase, e na que foron eliminados parte dos concorrentes, o doutor Cela  participou nunha serie de obradoiros desenvolvidos en Madrid, nos que amosou as súas habilidades cirúrxicas mediante artroscopia, asistido por os mellores cirurxiáns artroscopistas De forma progresiva, íase aumentando a dificultade na formación e dos recursos para que a aprendizaxe fose gradual, chegando ao final a intervir en artroscopias de ombreiro ou menisco, por exemplo.

Técnica que precisa adestramento

Finalmente, o doutor Miguel Cela López obtivo a mellor puntuación, sendo o primeiro residente de cuarto ano de España que se fai con este recoñecemento nunha cirurxía. Así, como el mesmo, recoñece, “ten a súa complexidade, xa que non é unha intervención convencional na que ves directamente onde vas a operar, e tes que acostumar ao teu cerebro a ver a través dunha cámara, ademais de empregar técnicas que precisan de certas habilidades que hai que adestrar”.

Procedemento minimamente invasivo para diagnosticar e tratar problemas nas articulacións

Fronte á cirurxía convencional, que require de maior incisión cirúrxica, a artroscopia realízase cunha técnica con mínima abordaxe. Na mesma, a través dunha pequena incisión na pel, o cirurxián inserta unhas cánulas conectadas a unha microcámara xunto co instrumental cirúrxico necesario, de moi pequeno diámetro. Isto é, a artroscopia  permite acceder, visualizar e operar a través dunha incisión de escasos milímetros na pel.

As vantaxes deste procedemento son múltiples xa que acúrtase o período de recuperación, a estancia  hospitalaria  e a dor postoperatoria, permitindo ao paciente recuperar axiña a súa vida habitual. Na actualidade, o servizo de Traumatoloxía do Chuvi realiza preto de 400 artroscopias anuais, a maioría de xeonllos, aínda que tamén de ombreiro, cadeira, pulso, nocello, ecétera.

También te puede interesar