Galicia Vigo al minuto

COGAMI inicia en Vigo un programa para aumentar a inserción laboral das persoas con discapacidade

Cunha duración de 9 meses

COGAMI inicia en Vigo un programa para aumentar a inserción laboral das persoas con discapacidade

Cunha duración de 9 meses

Co fin de mellorar a inserción sociolaboral das persoas con discapacidade, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) inicia na súa sede de Vigo (rúa Teixugueiras, nº15 ) o Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social (POISES). No mesmo participan 25 persoas co certificado de discapacidade e en situación activa de busca de emprego.

Atención individualizada e personalizada

A través deste programa, que cofinancian Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo, as persoas participantes contarán coa atención personalizada e individualizada dun técnico de orientación laboral de COGAMI que asesorará e acompañará á persoa nesta busca de emprego a través do trazado de itinerarios de inserción.

Este itinerario personalizado realizarase despois dunha entrevista inicial coa persoa, que servirá para recoller as necesidades e as actuacións que serán necesarias para que poida conseguir o obxectivo final deste programa: a inserción laboral.

9 meses

Cunha duración de nove meses, este programa parte de que tralo seu paso, como mínimo, o 45% das persoas participantes teñen que lograr a inserción. Así, é necesario formalas e capacitalas, aumentarlles o nivel de autonomía na busca deste emprego e acompañalas en todo este proceso de preparación.

A persoa terá a oportunidade de formarse en competencias transversais e habilidades xerais para o emprego, ademais de recibir formación específica para o desenvolvemento do posto de traballo. Por iso, o programa ofrecerá un mínimo de 85 horas formativas dando prioridade ás que se poidan realizar nos postos de traballo.

Preparación para os procesos de selección

Outra acción importante está relacionada coa prospección laboral ou busca de ofertas de emprego, que se realizará tras contactar coas empresas do territorio a través de visitas para captar posibles ofertas e tamén mediante o exercicio de sensibilización en materia de contratación de persoas con discapacidade.

Un punto esencial durante estas entrevistas é que a persoa estea preparada cando se presenta aos procesos de selección. O programa POISES contempla a simulación de entrevistas de traballo para que a persoa confíe nas súas capacidades á hora de enfrontarse á persoa entrevistadora.

También te puede interesar