Galicia Sucesos

A choiva, o vento e a neve causaron xa máis de 1.200 incidencias

Caídas de árbores e cortes de estradas, as máis numerosas

A choiva, o vento e a neve causaron xa máis de 1.200 incidencias

Caídas de árbores e cortes de estradas, as máis numerosas

O temporal continúa a deixarse a sentir en toda Galicia e desde o luns o 112 Galicia vén de rexistrar un total de 1.280 incidencias pola chuvia, o vento e a neve. Este mércores, ata as 6 da mañá, contabilizáronse un total de 160. 

Máis de 560 causadas pola caída de árbores e pólas

As máis repetidas son, ata o momento, as causadas pola caída de árbores e pólas nas estradas (566); a neve nas vías de circulación (63); os anegamentos (45); os derrubamentos (17) e fochancas (10). En canto ás provincias máis afectadas, A Coruña segue sendo a máis castigada con 561 casos totais, seguida de Pontevedra con 335, Lugo con 289 e Ourense con 92. 

Precaución: neve nas estradas

Entre os casos máis destacadas desde as últimas horas da tarde de onte, convén destacar a acción da neve nas estradas, sobre todo nas primeiras horas da mañá, coincidindo co momento de maior mobilidade: en Riós, pasadas as 04:30 horas, o persoal de mantemento das estradas informou ao 112 dun tramo da A-52 situado no quilómetro 150 que se atopaba cortado ao tráfico a vehículos pesados polas dificultades de circular pola neve.

Tamén se rexistrou neve na AP-9, en Mesía, e na A-6, nas Nogais (Lugo), tal e como informaron particulares que circulaban por ambos puntos.

O xeo e sarabiada provocaron dous accidentes múltiples en Ponteareas, na A-52. No primeiro, sen feridos víronse implicados tres coches. No segundo, dúas persoas foron trasladadas polo persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 despois dunha colisión entre catro vehíuculos. Ata o punto acudiron os servizos sanitarios, a Garda Civil de Tráfico, a Policía Local, o GES-SPEIS de Ponteareas e os membros de Protección Civil. 

Cortes de luz

Por outra banda, diferentes zonas de varias localidades quedaron sen luz durante a madrugada. En Vilagarcía, varios particulares informaron ao 112, pasadas as 04:00 horas da mañá, desta problemática nas rúas Arzobispo Lago, Arzobispo Xelmírez e a Avenida Doutor Tourón. Tamén ocorreu na noite de onte no pobo de Rus, en Carballo. 

Autobuses que non poden circular

Outras incidencias destacadas debido ao temporal ocorreron, por exemplo, en Sarreaus (Ourense), pasadas as 7 da mañá: o condutor dun autobús informou ao 112 de que non podía reanudar a súa marcha. Atopábase no quilómetro 33 da OU-113. Neses mesmos instantes, os operarios de conservación das estradas xa traballaban nas tarefas de limpeza da vía. Pouco despois, ás 08:20 horas, recibíase o aviso dun particular que indicaba que tres vehículos eran incapaces de continuar a partires do quilómetro 6 da OU-1112, nos Blancos, tamén debido á neve. O mesmo ocorreu na DP-2104, en Cerceda. 

Desprendimentos

Ademais, os obstáculos seguen afectando á circulación nas estradas galegas: por exemplo, en Lugo, unha importante cantidade de terra e pedras cortaba case por completo o tráfico no quilómetro 35 da LU-P-6502, segundo informaba un particular ás 8 da mañá.

En canto ás árbores, particulares informaban dunha que afectaba á circulación no quilómetro 29 da LU-636, e doutra que cortaba a estrada de Toro á Laza. Ambos avisos chegaban ao 112 Galicia pasadas as 07:00 horas.

No caso de postes, un vehículo colidiu contra un que se atopaba partido sobre a estrada, á altura de Tomiño, sen ter que lamentar danos persoais. Ademais, en Vigo, un particular informaba ao 112, ás 05:35 horas, dun poste caído sobre o seu vehículo, o que levou á intervención da Policía Local e dos Bombeiros, aínda que sen producirse feridos. O mesmo ocorría minutos antes das 2 da madrugada na Coruña, cando caeu un farol sobre un coche na rúa Ribeira Sacra, en Elviña. 

Fóra do ámbito das estradas, unha árbore caída impedía a uns veciños abandoar a súa vivenda en Ortigueira, segundo alertaron ao 112 os propios particulares afectados ás 08:20 horas. 

También te puede interesar