Vigo al minuto

Vigo contará cunha nova unidade de rehabilitación cardíaca

Contará con 260 m2 e estará situada no Cunqueiro

Vigo contará cunha nova unidade de rehabilitación cardíaca

Disporá de 260 m2 e estará situada no Cunqueiro

O conselleiro de Sanidade adiantou, no acto de inauguración do 2º encontro entre profesionais e pacientes en rehabilitación cardíaca, que tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro, que a Xunta licitará este ano, por máis de 500.000 euros, a nova unidade de rehabilitación cardíaca da área sanitaria viguesa, que contará con 260 metros cadrados e da que xa se adxudicou o proxecto arquitectónico o pasado setembro.

Tal e como remarcou Julio García Comesaña, a nova unidade terá un área de adestramento e exercicios físicos, cun
completo ximnasio monitorizado; unha sala vital, con toma de osíxeno, aspiración e carro de parada con desfibrilador/marcapasos; ademais da zona coas diferentes consultas dos profesionais.

Recuperación integral

Segundo remarcou o conselleiro, a unidade de rehabilitación cardíaca do servizo de cardioloxía de Vigo fai un labor encomiable no ámbito da recuperación integral dos pacientes que sufriron unha patoloxía cardíaca aguda, dende a súa posta en funcionamento en 2017.

Máis de 900 pacientes

Así mesmo, subliñou a excelencia do persoal que a compón, formado por profesionais de cardioloxía, uroloxía, medicina rehabilitadora, enfermería, fisioterapia, psicoloxía, nutrición, farmacia e traballo social, que leva atendidos a máis de 900 pacientes, creando programas individualizados para cada un deles cun seguimento estreito, e orientados a previr os factores de risco cardiovascular así como a facilitar a reincorporación dos pacientes á súa vida habitual.

Teleasistencia

Fronte ás patoloxías crónicas a clave, -dixo Comesaña-, está na anticipación, e Galicia é pioneira no teleseguimento, coa implantación das e-interconsultas que están funcionando nos servizos de cardioloxía das sete áreas sanitarias e que, no ano 2022, beneficiaron a preto de 28.000 pacientes.

Así, a interconsulta permite a conexión directa, a través da historia clínica electrónica, con rapidez e eficacia, entre os profesionais de primaria e hospitalaria. Tamén destacou o conselleiro a plataforma de teleasistencia TELEA, grazas á que se fai seguimento aos diferentes pacientes con doenzas cardíacas.

Entre eles, e dende 2020, tamén os doentes en rehabilitación cardíaca, dos que dende a súa posta en marcha
beneficiáronse máis de 300 en toda Galicia, sendo a área de Vigo unha das que máis pacientes segue a través desta aplicación, con máis de 150.

También te puede interesar