Comarcas Vigo al minuto

A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui estudan pedir a declaración de zona catastrófica polas choivas

Na comarca do Baixo Miño caeron 126 l/m2

A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui estudan pedir a declaración de zona catastrófica polas choivas

Na comarca do Baixo Miño caeron 126 l/m2

Alcaldesas e alcaldes da Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño reuníronse este luns de urxencia para valorar os cuantiosos danos sufridos nos catro concellos -A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui- tras o temporal e as abundantes choivas acumuladas durante a xornada de ano novo.

Precipitacións sin precedentes na historia

Así, tras o elevado balance de estragos producidos, a Mancomunidade do Baixo Miño solicitará a todas as administracións unha partida orzamentaria especial dada a excepcionalidade dos danos na comarca, onde caeron case 126 litros por metro cadrado, un récord absoluto dende que se teñen rexistros históricos da estación meteorolóxica de Areas, en Tui.

A Guarda, O Rosal

Así, no concello da Guarda as chuvias deixaron derrubes no Monte Santa Trega e na zona do Muíño, así como inundacións e danos especialmente graves na zona do Codesal, onde se precisará unha reparación urxente polo perigo que pode supoñer para a veciñanza.

En canto ao Rosal, as zonas máis afectadas foron a pesqueira do río Carballa e a Senda do Miño, aínda que tamén se produciron importantes estragos en numerosos muros e estradas.

Tomiño e Tui

Pola súa banda, a imprevisible cantidade de chuvia fixo que en Tomiño se afundiran muros e camiños, que se moveran do sitio os peiraos do Miño, causando un grave perigo para a navegación, e que parte da fortaleza de San Lourenzo de Goián se vira afectada. Mentres, en Tui viuse afectado o paseo fluvial, así como algúns muros do ámbito do Camiño de Santiago e parte da zona histórica.

Visita de Rueda e do delegado do Goberno

Os catro rexedores e rexedoras solicitaron xa a visita do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do Delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones, para que comproben in situ o elevado número de estragos provocados en diferentes puntos dos catro municipios da comarca.

As alcaldesas e alcaldes da Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui estudarán ademais co Delegado do Goberno a posibilidade de solicitar a declaración de zona catastrófica dado os numerosos estragos acumulados. Por outro lado, a Mancomunidade pedirá información sobre a apertura dos encoros no Miño ante a posibilidade de que puideran ter agravado aínda máis os danos provocados polas fortes chuvias.

También te puede interesar