A Xunta investiu 18 millóns na súa construción
Vigo abrirá este mes de decembro a súa Estación de Autobuses Intermodal. A nova terminal de Urzaiz estará en servizo desde o sábado 17 de decembro para permitir a conectividade de bus e tren en apenas uns minutos.
Nó de viaxeiros do sur de Galicia
Así, a estación de autobuses intermodal de Vigo, que recibirá dous millóns de usuarios ao ano e 500 expedicións de autobuses, convértese no novo nó de viaxeiros do sur da Comunidade, tras un investimento de 18 millóns de euros por parte da Xunta de Galicia.
Conexión en minutos coa estación de ferrocarril
Precisamente, a execución da estación de autobuses a carón do Vialia Estación de Ferrocarril, permítelles aos viaxeiros o cambio de transporte dun xeito máis rápido e cómodo, por medio dun núcleo de comunicacións habilitado especialmente e adaptado para as persoas con mobilidade reducida.
No centro de Vigo
Ademáis, o traslado da actividade da estación de autobuses desde a Avenida de Madrid ata o complexo intermodal de Urzaiz, sitúa no centro de Vigo o gran nó do transporte público.
30 dársenas
A nova terminal de autobuses conta con dúas plantas que articulan o desnivel existente, duns 6 metros de altura, entre a Praza da Estación e o acceso intermodal á estación de ferrocarril. Na planta superior sitúanse as 30 dársenas (22 de viaxeiros e 8 de regulación) e na inferior os servizos ao viaxeiro (despacho de billetes, información, sala de espera, oficinas, aseos…).
En total, na construción da nova estación intermodal, a Xunta de Galicia actuou nunha superficie de 12.000 metros cadrados. Trátase dunha obra complexa na que se utilizaron 10 quilómetros de pilotes e se construiron os tramos dos dous túneles (Lepanto e Estación) que pasan baixo a terminal.
Características
- Acceso peonil: realízase a través dun núcleo de comunicación vertical situado na nova Praza da Estación que permitirá tamén a comunicación intermodal entre as estacións de autobuses e ferrocarril.
- Acceso rodado: dende a Praza da Estación, na intersección das rúas Lepanto, baixada á estación e Alfonso XIII ou dende un novo acceso directo á AP9.
- Plataforma de dársenas: situada aproximadamente á mesma altura que a Praza da Estación. Consiste nun circuíto arredor dunha illa central de plataformas con dúas tipoloxías: en dente de serra e en espiña de peixe. A terminal conta tamén con prazas de regulación situadas no lado norte da plataforma de dársenas con mínima afección e fácil incorporación ao circuíto interno de circulación.
- Plataformas centrais: están cubertas por unha marquesiña perimetral de 2.234 metros cadrados que se desprega dende o patio central. Este espazo, coincidente co patio de comunicacións entre as dúas plantas, péchase cun gran lucernario acristalado.
- Edificio de servizos ao viaxeiro: localízase na planta baixa da terminal de autobuses, baixo a plataforma de dársenas. Este edificio dispón dunha xeometría practicamente rectangular, aliñada co lado sur da plataforma e do edificio Vialia, que deixa un paso peonil intermodal entre ambas as edificacións.
- Gran patio aberto: co fin de potenciar a entrada de luz natural e a comodidade dos usuarios, o edificio poténciase cara ao interior, cun gran patio aberto onde se dispón o núcleo de comunicacións verticais coa plataforma de dársenas franqueada por dúas zonas axardinadas aos seus extremos.