Galicia Vigo al minuto

Nova liña de bus entre Chandebrito, Nigrán e Panxón

Empezará a operar a segunda quincena de outubro

Nova liña de bus entre Chandebrito, Nigrán e Panxón

Empezará a operar a segunda quincena de outubro

A Xunta colabora co Concello de Nigrán para a posta en marcha de novos servizos de autobús entre as parroquias de
Chanderbrito e Panxón, que empezarán a operar na segunda quincena de outubro.

Mediante un convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Nigrán, activarase unha nova liña cun servizo de interese municipal, que amplía a cobertura do transporte público entre os núcleos de poboación do concello, como complemento na actual concesión de autobús interurbano.

Enlaces entre as parroquias

As melloras introducidas nos servizos de transporte público na zona dan resposta ás necesidades de mobilidade detectadas e son froito do traballo conxunto entre a Xunta e o Concello de Nigrán para a creación dunha liña interna que enlaza as distintas parroquias.

No referido aos novos servizos, prevese a creación dunha nova liña para atender a ruta Chandebrito-Nigrán-Panxón que contempla dúas configuracións e paradas nos itinerarios de ida e de volta.

Tres viaxes de ida e volta

A nova liña ofrecerá 3 expedicións de ida e 3 de volta, que estarán operativas de luns a venres, agás festivos, durante todo o ano. No traxecto Chandebrito-Nigrán-Panxón, os horarios serán: 7:45, 14:00, 16:15 horas, e no sentido de volta, os servizos terán os seguintes horarios: 10:30, 15:15 e 20:40 horas.

15 paradas

Así, a nova liña atende 15 paradas nas que destacan, pola súa afluencia de persoas viaxeiras, a localizada no Parque Empresarial Porto do Molle e a parada no Centro de Saúde do Val Miñor. Ademais, créase unha nova parada, Vilariño (Colexio Carlos Casares) coa que se lle dá resposta ás necesidades da cidadanía.

Toda a información relativa aos cambios nos servizos estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

También te puede interesar