Galicia Vigo al minuto

A Xunta convoca axudas directas de ata 10.800€ para a compra de vivenda habitual

Destinada a menores de 35 anos en concellos de ata 10.000 habitantes

A Xunta convoca axudas directas de ata 10.800€ para a compra de vivenda habitual

Destinada a menores de 35 anos en concellos de ata 10.000 habitantes

A Xunta acaba de convocar unha nova orde de axudas directas dirixida a apoiar á mocidade na adquisición da súa
vivenda habitual en concellos cunha poboación que non supere os 10.000 habitantes. Os incentivos previstos poden chegar ata un máximo de 10.800€ por inmoble, sempre que esta contía non supere o 20% do prezo da compra.

Así se recolle na resolución publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOGA), na que se detallan as bases reguladoras e os requisitos que terán que cumprir os interesados para acceder a estas axudas, que se poderán solicitar a partir de mañá, sábado día 13 de agosto e ata o vindeiro 30 de setembro, preferiblemente por vía electrónica.

Persoas de 18 a 35 anos

En concreto, o programa vai dirixido a persoas de entre 18 e 35 anos, unha das franxas de poboación que adoita ter máis dificultades económicas á hora de acceder a unha vivenda en propiedade.

Ademais, para poder beneficiarse terán que acreditar que as rendas anuais de todos os membros da unidade de convivencia son iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM (23.725,8 euros), aínda que o límite subirá ata 4 ou 5 veces en caso de que concorran determinadas circunstancias fixadas na propia convocatoria.

Inmobles situados en Galicia

Cun orzamento para este ano de 2,55 millóns de euros, estes incentivos á compra de vivenda poderán solicitarse sempre que o inmoble estea localizado nalgún dos 257 municipios galegos cunha poboación inferior a 10.000 habitantes —o 82% do total—.

Vivendas de menos de 120.000 euros

Máis alá da súa localización, outro dos requisitos para acceder ao programa é que o prezo de adquisición da vivenda —que terá que estar xa construída, con independencia de que sexa nova ou usada— non supere os 120.000 euros e que a operación de compra-venda se realizara con posterioridade ao 1 de xaneiro deste ano.

Persoas que quedaron fora en 2021

En todo caso, nas bases tamén se prevé a posibilidade de que aquelas persoas que solicitaran en 2021 unha axuda para comprar vivenda e non a recibiron por esgotamento os fondos, poidan acollerse á convocatoria deste ano presentando unha nova solicitude.

Neste sentido, cómpre subliñar que ao redor de medio cento de mozos galegos quedaron nesta situación en 2021 polo que o obxectivo é ofrecerlles unha nova oportunidade de poder optar a unha axuda directa de ata 10.800 euros.

Compatibles con axudas doutras administracións

Por último, cómpre engadir que estas subvencións serán compatibles con aquelas destinadas ao mesmo fin sempre que as outorgue calquera outra institución pública ou privada diferente da Xunta.

También te puede interesar