Galicia Vigo al minuto

Peinador, punto forte de promoción turística da provincia

A Deputación aumentará o espazo e as prestacións que Turismo Rías Baixas ten na terminal

Peinador, punto forte de promoción turística da provincia

A Deputación aumentará o espazo e as prestacións que Turismo Rías Baixas ten na terminal

A Deputación reforzará a promoción turística da provincia de Pontevedra no aeroporto de Peinador, unha das principais portas de acceso das persoas que visitan o destino ao longo do ano e cuxa oficina de Turismo Rías Baixas visitou hoxe a presidenta provincial, Carmela Silva, xunto ao director en funcións do aeroporto, Antonio Rodríguez.

‘Q’ de calidade

Por esta oficina, que vén de revalidar cunha nota sobresaínte a súa “Q” de Calidade turística, pasaron xa este ano 2.000 persoas. Carmela Silva anunciou que a institución provincial ampliará os espazos que xa ocupa para amosar imaxes promocionais dos principais puntos de interese da provincia, amais de reforzar tamén a dixitalización da oficina e a súa conexión “en tempo real” co resto das integradas na rede Rías Baixas.

Dúas grandes imaxes de Vigo

A presidenta provincial destacou que xa se está a traballar con Aena para a renovación do convenio de cara a incrementar os actuais espazos de promoción da provincia nos puntos estratéxicos da terminal de Chegadas. A aposta comezará coa instalación de dúas grandes imaxes da cidade de Vigo.

“Queremos que cando a xente chegue, visualice todo aquelo que pode facer na provincia”, subliñou Carmela Silva. Vivimos nun paraíso e as imaxes deste destino son únicas, podo dicir que das mellores do mundo”.

Visitantes de España, Portugal, Francia, Estados Unidos ou Reino Unido

Do total de 2.000 que pasaron polas instalacións desde xaneiro, a maioría procederon do resto do Estado, especialmente de Madrid (23%), seguidas das de Barcelona, Biscaia e Asturias.

En canto ao turismo estranxeiro, que representa entre un 7 e un 10%, vén sobre todo de Portugal e Francia, aínda que tamén rexistrou visitantes de Estados Unidos e Reino Unido, que se achegaron á oficina a solicitar información.

“Hoxe todo pasa nun móbil”

Carmela Silva adiantou tamén que a institución provincial está a traballar, dentro do proxecto Tourist Inside que conta con financiamento europeo xestionado polo Goberno do Estado, no reforzo da dixitalización desta oficina e das do resto da Rede Rías Baixas “e moi pronto van contar con novos instrumentos que permitirán a esta sede estar conectada coas outras oficinas e ofrecer información dixital en tempo real ás persoas turistas sobre os distintos recursos” que poden coñecer.

“Hoxe todo pasa nun móbil e todas as decisións as buscamos alí, de xeito que queremos mellorar aínda máis o potencial dixital desta oficina”.

También te puede interesar