Comarcas Destacados

Cadaleitos de vivos

Jesús Manuel García Díaz /Doutor en Historia e Director de UNED Ourense

En defensa da romaría de Santa Marta de Ribarteme como un dos elementos constituintes da identidade galega

Por Jesús Manuel García Díaz /Doutor en Historia e Director de UNED Ourense

Non é allea á antropoloxía cultural galega a romaría de Santa Marta de Ribarteme. Non o é nunha terra onde a morte vese como mors janua vitae, é dicir, como porta da vida, como un cambio moi fondo que o ser humano ten que sufrir por causa da iniciación.

A cultura da morte en Galicia está ben estudada por varios autores e, certamente é moi singular polo apego que ten no noso pobo. Fala Lisón Tolosana da tradición rural de cumprir a promesa de alguén que morre porque non puido satisfacerlla en vida, indo a una romaría. A cousa é, di o antropólogo, que algún familiar preto pode requirir ao morto na sepultura para que saia e acompañe ao vivo na súa peregrinaxe. Hai que lle advertir cada pouco os cambios de dirección, as subidas e baixadas e outros momentos diferentes do percorrido para que o defunto non quede perdido ou emprenda outro camiño.

Mandianes sinala que o anuncio da morte ao enfermo aparéceselle ás mulleres da súa  familia e son anuncios sonoros, xeralmente ruídos. Becoña indica que en Galicia, como noutras latitudes, abondan os augurios e as premonicións, tema moi estudado e que constitúe un evidente substrato social.

Por se fose pouco, en Galicia, coa morte física non remata a vida xa que queda a ánima do defunto polos sinais que transmite. No libro de Manuel Gondar Portasany, ‘Crítica da razón galega. Entre nós-mesmos e o nós-outros’, dedica un capítulo ao ritual da procesión de Ribarteme, cos ofrecidos nos cadaleitos. Unha romaría como forma de “peregrinaxe da identidade”. Porque a identidade galega realízase, por exemplo, nesta celebración secular. Quen estivera en perigo de morte ou quen se atopaba moi enfermo, prometía a Santa Marta ir á romaría nun féretro. Tamén podía ir vestido con mortalla portando una vela. Todo comezaba días antes, na procura dos romeiros, mercar ou alugar a caixa e, entón, seguir unha serie de ritos que deben ser cumpridos.

Os romeiros cantan unas coplas que Gondar di que o fan cunha cadencia semitonada que recorda á música mozárabe. Esa comitiva é observada por veciños con respecto mentres o sacristán toca a morto ata que as caixas chegan ás escaleiras do santuario de Santa Marta. Cando saen do templo, os ofrecidos van camiñando de modo que os cadaleitos pórtanse baleiros diante de cada ofrecido. Todo isto choca de fronte co concepto abstracto de persoa, propio da nosa actual sociedade. Pero forma parte do patrimonio cultural galego e ao mesmo tempo mostra a xenialidade da mentalidade rural, pola que en vez de someter o corpo ao eido espiritual, como indica Gondar, o paisano sempre combinou a purificación da ánima co desafogo do corpo.

Moita cultura, demasiada antropoloxía, etnografía como para desbotar a romaría de Santa Marta de Ribarteme. Convén chamar a atención cara tanta lixeireza coa que algúns queren burlarse, estragar elementos propios da nosa cultura, da nosa identidade, facendo uso da vacuidade e a ridiculez.

Este ano, hai uns días, vimos como un crego con aire autoritario estilo “porque yo lo valgo” e con pegadas de ignorancia, atreveuse a eliminar os cadaleitos nunha decisión que reflicte ausencia de man esquerda e que polo tanto representa unha aldraxe á antropoloxía galega. As tradicións, señor cura, non se estragan así, de súpeto, porque si. Despois a xente critica á Igrexa por crear desde dentro máis inimigos dos que xa ten.

Esta mesma semana trasladeille todo isto ao bispo de Tui-Vigo, o benquerido amigo Luís Quinteiro. Non vou contar aquí a conversa, pero estando eu tan seguro de que este prelado, como bo galego, é firme defensor das tradicións desta bendita terra, basta ler entre liñas para saber por onde van os tiros.

Os cadaleitos cos vivos constitúen un ritual rico que en nada debe chocar coa fé. É de lamentar o espectáculo que posiblemente incentiven certos medios de comunicación foráneos aos que, claro, ver o que acontece en Ribarteme resúltalles chocante. E non saben tratalo seguramente porque tampouco entenden a esencia e identidade fonda de Galicia. Aquelo non é unha festa nin un carnaval. Que ninguén se equivoque.

Ogallá para o ano que vén, vexamos de novo aos ofrecidos nos cadaleitos, á xente observando respectuosamente e á Igrexa no papel dela, que non debe ser nunca o de estragar as tradicións. Do contrario, como di un bo amigo, sempre, a pesares do noso progreso racional, queda un espazo bastante amplo de irracionalidade e imbecilidade.

Por último, non quixera pensar que, aparte de certo folclore ou picaresca que se puidera armar por parte de algúns, houbera outros trasfondos de cariz… en fin, que siga a romaría en Santa Marta de Ribarteme como manda a tradición desde polo menos o século XVIII, propia desa fermosa terra miñota feiticeira e que, tanto os veciños e fieis como o crego, apliquen sempre aquelo tan noso, tan galego de actuar “non facendo dano a ninguén”.

También te puede interesar