Destacados Vigo al minuto

O himno feminista ‘Respect’ pon o broche de luxo á segunda edición de ‘Descúbreas’

A Deputación presentou os traballos das 8 mozas mentorizadas do programa

O himno feminista 'Respect' pon o broche de luxo á segunda edición de 'Descúbreas'

A Deputación presentou os traballos das 8 mozas mentorizadas do programa

O inesquecible himno feminista “Respect”, de Aretha Franklin, coas voces do coro gospel dirixido pola prestixiosa artista Rebeca Rods, foi o broche de luxo na celebración da gala coa que a Deputación de Pontevedra e Regalamúsica puxeron o peche á segunda edición do programa Descúbreas, a iniciativa provincial que busca apoderar ás mozas para que poidan desenvolver carreiras profesionais na música e loitar así coa fenda de xénero no sector.

Oito mozas

A escalinata exterior do Pazo Provincial, engalanada con moqueta lila foi o escenario no que as oito mozas mentorizadas desta segunda edición presentaron os vídeooclips dos temas cos que inician a súa andadura, fronte a un público de centos de persoas na avenida Montero Ríos.

A gala foi a mellor mostra, como destacou a presidenta Carmela Silva, “da calidade do talento musical feminino nesta provincia, que queremos axudar a descubrir e do que estas mozas son o mellor exemplo”.

Ane Fonseca, Alba Nogueira, Sara Baños, Sara Casas, Marina Vigo, Amparo Mosqueira, María Gabeiras e Carolina Lemos, as protagonistas, son xa presente e futuro da industria musical.

“Directorio de artistas”

A presidenta da Deputación subliñou que xa se están a ver os resultados deste programa de mentoría, con feitos como a participación de varias das mozas do pasado ano en distintas actuacións e neste 2022 nos Rías Baixas Fest, e engadiu
que esta segunda edición é xa “a da súa consolidación”.

“Estamos creando undirectorio de artistas, facilitándolles os duros inicios da súa carreira, e estamos a ver canta creatividade e canto traballo temos para presumir–subliñou-. Non hai máis que ver como soan as protagonistas nesta gala e a diversidade dos seus estilos. Quero lembrar que as estatísticas aínda amosan a desigualdade que as mulleres temos tamén na industria da música, pero con proxectos como este estamos a poñer o noso grao de area para facilitar que muden os tempos”.

Acompañadas e asesoradas por profesionais

Conducido por Law, unha das protagonistas do primeiro ano de Descúbreas, o acto arrancou coa presentación do vídeo resumo desta segunda edición, que se desenvolveu desde o mes de abril e no que de novo as rapazas participantes tiveron acceso a un itinerario persoal individualizado para acompañalas nos seus inicios musicais, con formación e asesoramento de profesionais como a produtora Salomé Limón, a presidenta de Festivais de Galicia, Raquel Seijo; a xerente de Dotbeat, Patricia Hermida; Wöyza; a coordinadora do proxecto da Deputación “Canteira de igualdade” Priscila Retamozo e a especialista en imaxe Andy González.

Uniuse este ano tamén Rebeca Rods, cantante, compositora e produtora cunha longa traxectoria nacional e internacional e que precisamente fixo unha produción especial para este evento coas mozas mentorizadas.

Deste xeito, o Rebeca Rods Gospel Ensemble, o coro que dirixe a artista, interpretou varios temas durante a gala, que se foron intercalando cos vídeos e as entrevistas das rapazas mentorizadas realizadas por Law.

Distintos estilos

A música destas mozas abarca diferentes estilos, desde as baladas pop ao indie, pasando pola fusión do folk galego co jazz melódico e a canción de autora. Para rematar, os e as integrantes desta formación foron o mellor acompañamento das oito mozas de Descúbreas na actuación final que se desenvolveu sobre o escenario: a interpretación do mítico “Respect”, o tema orixinal de Otis Redding que Aretha Franklin converteu en himno feminista.

Actividades

O programa de mentorías de Descúbreas é unha experiencia pioneira no ámbito estatal para mozas con carreiras artísticas incipientes, que amais das sesións de formación, compleméntase cun portal web que inclúe ferramentas para a visibilización das profesionais da música como un directorio de mulleres e escolas do que xa teñen xurdido algunhas oportunidades laborais para técnicas e artistas, titoriais en formato vídeo e un foro para resolver dúbidas e axudar as mozas a dar os seus primeiros pasos no seu proxecto musical, ou os apartados de noticias e axenda de concertos con perspectiva de xénero.

Atención dende diferentes ámbitos

Polo seu carácter innovador, Descúbreas recibiu a atención de proxectos como o programa de RTVE “Objetivo Igualdad” e o convite para participar no encontro máis importante de Europa e Iberoamérica de entidades que traballan contra a desigualdade na industria musical, o “Music Equality Forum”. Tamén pasou por outros eventos como o encontro de escolas musicais de Portugal “Vira Fest” e a Feira Internacional de Música BIME.

También te puede interesar