Vigo al minuto

Novo recoñecemento para a Sanidade Pública de Vigo, agora para a Unidade de Dor Aguda

Por un traballo sobre analxesia postoperatoria

Novo recoñecemento para a Sanidade Pública de Vigo, agora para a Unidade de Dor Aguda

Facultativos da Unidade da Dor Aguda do servizo de Anestesia e Reanimación da Área Sanitaria de Vigo obtiveron recentemente un recoñecemento nacional por un estudo á mellor comunicación sobre unha nova técnica analxésica para o postoperatorio da cirurxía ortopédica de cadeira (artroplastia).

A comunicación presentouse no Congreso nacional da Sociedad Española de Anestesiología, Reanimación y Terapéutica del Dolor, celebrado en Santiago.

Mellora da recuperación

En concreto, o traballo trata sobre o bloqueo analxésico da innervación sensitiva da cadeira -o chamado bloqueo PENG- mediante unha picada única, evitando así o uso de analxésicos intravenosos e permitindo unha mellor calidade analxésica no postoperatorio, sen repercutir na forza e mobilidade do paciente.

O uso de analxésicos intravenosos nos pacientes sometidos a cirurxía de cadeira, en especial os opioides, deteriora en gran medida a súa recuperación, producindo maior incidencia de complicacións tales como náuseas, vómitos, estreñimento, somnolencia, e alteración do nivel de conciencia.

“Un control eficaz da dor postoperatoria converteuse nunha parte esencial dos coidados dos pacientes cirúrxicos, e o seu adecuado tratamento, xunto a outros factores como a mobilización e a nutrición precoz, relaciónanse directamente coa diminución das complicacións postoperatorias e da estancia hospitalaria”, explica o doutor Gustavo Illodo, membro do servizo de Anestesioloxía.

Sen dor e cunha mobilización precoz

A investigación realizouse en colaboración co Hospital Universitario Central de Asturias e incluíronse 130 pacientes intervidos de artroplastia primaria de cadeira. 

O obxectivo era comparar o bloqueo PENG co bloqueo clásico, o Iliofascial. Aínda que o PENG está descrito recentemente e son escasas as súas publicacións, xa ten demostrada a súa eficacia no control analxésico tras cirurxía ortopédica de cadeira. 

 A diferencia fundamental entre ambas técnicas é a localización da picada, xa que o clásico,  ademais de bloquear as ramas sensitivas dos nervios que van as cadeiras, afecta  tamén ás motoras; mentres que o PENG é moito máis preciso e non afecta aos nervios  motores.

Anticipa a mobilización

En consecuencia, permite ao paciente unha mobilización precoz, movendo as pernas rapidamente e sen dor, o que facilita a súa pronta recuperación.

Ademais, o bloqueo PENG comporta unha marcada diminución do uso de analxésicos sistémicos, sen os efectos adversos destes, o cal pode diminuír a estancia e os custos hospitalarios.

En conclusión, o resultado do estudo foi que o bloqueo PENG presenta unha calidade superior no control analxésico, con menor bloqueo motor e cunha maior satisfacción dos pacientes.

480 próteses de cadeira anuais

A Área Sanitaria de Vigo  realizou o pasado ano 480 intervencións de prótese de cadeira e nestes momentos, os anestesistas do Chuvi xa están utilizando esta nova técnica analxésica.

Segundo asegura o doutor Illodo “debido ao pouco compromiso motor que presenta o bloqueo PENG, é unha excelente estratexia para cirurxías ambulatorias de cadeira, dando a posibilidade de que o paciente teña unha rápida mobilidade e diminución das caídas por debilidade das pernas”.

También te puede interesar