Destacados Vigo al minuto

A tarxeta ‘Xente Nova’ permite viaxar gratis a máis de 112.000 mozas e mozos galegos

As familias aforraron máis de 14 millóns desde a súa posta en funcionamento

Este ano superáronse ás 32.000 expedicións, o que supón un incremento do 40% en relación con 2021

Máis de 112.000 mozas e mozos menores de 21 anos viaxan gratis nas 3.400 liñas de autobuses interurbanos de toda Galicia, presentando a tarxeta ‘Xente Nova’.

Esta tarxeta, posta en marcha pola Xunta, e que tamén abrangue o tren de vía estreita en Ferrol e o transporte de ría, entre Vigo, Cangas e Moaña, permitiu aforrar ás familias galegas máis de 14 millóns de euros desde a súa posta en marcha -preto de 1.200 euros anuais por usuario– logo da aposta continuada do Goberno galego por facilitar o acceso dos rapaces ao transporte público.

Galicia, única Comunidade do Estado que ofrece este servizo

Así, en 2016 foron os menores de 19 anos das áreas de transporte metropolitano da Coruña, Lugo, Ferrol, Santiago e Vigo os que comezaron a beneficiarse da gratuidade; en xaneiro de 2020, ampliouse a cobertura ata os menores de 21 anos e, desde o 15 de xuño dese mesmo ano, a Xunta activou este incentivo en toda a provincia de Ourense (92 concellos) e en 13 municipios da área de Pontevedra (A Lama, Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Marín, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa).

O 21 de maio do ano 2021, este sistema de bonificacións estendeuse aos transportes interurbanos de toda Galicia facendo que sexamos a única Comunidade que ofrece esta posibilidade.

Este 2022 a Xunta destinará 7 millóns de euros ás bonificacións da tarxeta ‘Xente Nova’. Ademáis, no vindeiro curso académico, porá en marcha unha ‘plataforma móbil’ que facilitará o seu uso, sen necesidade de activar a ‘tarxeta moedeiro’ nin adiantar os cartos.

Mobilidade sostible, economía e educación

A tarxeta ‘Xente Nova’ é parte esencial so ‘Plan de Transporte Público de Galicia’ que ten como obxectivos prioritarios a ‘mobilidade sostible‘, contribuír á economía das familias e facilitar o acceso dos mozos a servizos básicos como a educación, especialmente a non obrigatoria.

Para facelo realidade, a Xunta segue completando a renovación das liñas de autobús, multiplicando rutas, paradas e horarios, e incorporando servizos a demanda e buses escolares compartidos -destinando cada ano máis de 80 millóns de euros ao transporte público interurbano.

También te puede interesar