Destacados Vigo al minuto

O BNG reta a Abel Caballero a convocar o ‘Debate sobre o Estado da Cidade’

Pide “valentía” ao alcalde que “nunca quixo debater”

O BNG reta a Abel Caballero a convocar o 'Debate sobre o Estado da Cidade'

O Bloque Nacionalista Galego reta a Abel Caballero, a convocar o ‘Debate sobre o Estado da Cidade’. Para tal fin, o BNG fixo o rexistro formal desta proposta ante o que cualifica como “permanente devaluación” dos Plenos municipais por parte do alcalde.

Xabier P. Igrexas, concelleiro do Bloque, apunta que Caballero se ausenta de maneira reiterada dos plenos aos poucos minutos de comezar, e cré que xa é hora de que a veciñanza de Vigo teña oportunidade de contrastar as distintas alternativas políticas a un ano das vindeiras eleccións locais.

“É unha cuestión esencial porque en democracia o contraste é imprescindíbel“, afirmou Igrexas en rolda de prensa ao tempo que subliñou que “as viguesas e os vigueses teñen dereito” a coñecer as diferentes posicións sobre a situación da cidade das catro forzas políticas que conforman a Corporación municipal. “Porque o BNG si que temos un proxecto de cidade sólido e solvente, construído sobre propostas concretas e cun afán construtivo”, apuntou.

Pide “valentía” ao alcalde

O edil nacionalista pediu a Caballero que teña a “valentía” de convocar este Debate e abandone así o seu “cómodo refuxio no monólogo”. Igrexas cualificou de “falla de respecto á cidade” e dunha “mostra máis do talante autoritario” as continuas ausencias do alcalde no Pleno cando se debaten as mocións dos grupos da oposición.

Abel Caballero e o PSOE nunca quixeron debater co BNG nin con outras forzas políticas, nin no Concello nin nos debates organizados por medios de comunicación“, criticou.

Nunca houbo en Vigo un ‘Debate sobre o Estado da Cidade’

Neste sentido, o concelleiro do Bloque lamentou que o Debate sobre o Estado da Cidade non se teña celebrado nunca en Vigo, malia estar contemplado no regulamento orgánico do Pleno e a diferenza doutras cidades galegas e do Estado onde xa é unha realidade normalizada.

“Só cabe agardar que o Goberno municipal de Vigo teña o respecto democrático de acceder a este Debate para evidenciar a pluralidade que existe en Vigo pero que Abel Caballero non recoñece, porque confunde a súa lexítima maioría absoluta coa totalidade, reclamou.

Debate no auditorio municipal e con público

Igrexas chamou a un Debate sobre o Estado da cidade “real”, polo que solicitou que sexa convocado para facilitar a presenza do maior número de veciñas e veciños de Vigo e con tempos equitativos para todas as forzas políticas.

Así, propuxo celebrar a sesión un sábado pola mañá ou a partir das 20 horas nos días laborábeis no Auditorio Municipal, de igual forma que o Pleno de constitución da Corporación. Ademais, pediu tempos de intervención de mínimo 10 minutos e con dúas quendas para permitir as réplicas.

“Para que o Debate non sexa unha sucesión de monólogos e para que haxa contraste, para que as viguesas e os vigueses poidan comprobar as diferentes maneiras de entender a cidade e de dar resposta ás súas necesidades”, explicou.

También te puede interesar