Galicia Vigo al minuto

A Deputación investiu preto de 74 millóns na conservación das estradas provinciais

Neste 2022 a Deputación mobiliza 18,7 millóns

A Deputación investiu preto de 74 millóns na conservación das estradas provinciais

A conservación e mantemento da rede provincial de estradas supuxo un investimento total de 73,7 millóns de euros nos últimos sete anos por parte da Deputación de Pontevedra.

Novo convenio e colaboración coa DGT

Carmela Silva informou deste dato trala Xunta de Goberno de onte na que quedou adxudicado o novo convenio marco deste ano para mellora de firmes, que supón un gasto de 4,5 millóns de euros nos 6 lotes correspondentes ás distintas comarcas.

Ademais, anunciou a presidenta, iníciase, cun gasto doutros 227.000 euros, o procedemento de contratación para o plan de aforos que medirá e analizará o tráfico en tódalas estradas durante os próximos catro anos, así como o estudo de accidentalidade que, por primeira vez traballará coa base de datos da Dirección General de Tráfico (DGT).

1.700 quilómetros e 377 estradas

“Son moitísimos recursos os que gastamos tan só en conservación e mantemento; estamos a facer as cousas como hai que facelas. Queda moito, porque falamos de 1.700 quilómetros repartidos en 377 estradas e moitas delas levaban 30 ou 50 anos sen ser “tocadas”, destacou Carmela Silva.

A presidenta destacou a relevancia do convenio marco de mellora de firmes, un contrato que a Deputación adxudicou por primeira vez en 2018 como fórmula novidosa para garantir o bo estado da capa de rodadura ao longo da rede provincial.

Análise da intensidade do tráfico

En paralelo, a máxima responsable da Administración provincial destacou a relevancia do novo plan de aforos cuatrienal “para analizar con rigor, entre outros parámetros, a intensidade de tráfico en cada vía. Disporemos así dunha diagnose real para tomar decisións e priorizar os investimentos futuros en base a criterios técnicos”.

Sobre o estudo de accidentalidade destacou, ademais da maior calidade dos datos que vai achegar, que se introduce por primeira vez a monitorización específica dos accidentes causados por animais.

73,7 millóns en sete anos

En canto aos 73,7 millóns de euros de investimento acumulados na conservación da rede provincial de estradas nos últimos 7 anos, Carmela Silva explicou que 21,7 millóns correspóndense á suma das anualidades do convenio marco de conservación; outros 15,9 millóns de euros a grandes proxectos de asfaltados integrais; 25,4 millóns a desbroces, limpezas, incidencias, sinalización, emerxencias, tala e poda de árbores; outros 8,2 millóns de euros ás tres edicións do plan Móvese de seguridade viaria; 2 millóns ao convenio marco para instalación de cunetas transitables e aos 567.000
euros investidos nos plans de aforos realizados.

18.7 millóns este 2022

Este ano a Deputación investirá 18,7 millóns nos traballos de conservación, fondos que se reparten nos 4,5 millóns do acordo marco de firmes; os 3,9 millóns de grandes proxectos de asfaltado (como o aprobado onte para mellorar 7 Km dunha estrada provincial en Rodeiro); os 5,5 millóns para desbroces, pintados, incidencias, limpezas, apertura de beiravias, sinalización e poda e tala de arborado; os 2,6 millóns da terceira edición do plan Móvese, os 2 millóns destinados ás beiravias transitables e os 227.000 euros desta nova edición do plan de aforos e o estudo de accidentalidade.

Plan Móvese

A presidenta remarcou a colaboración constante cos concellos para a execución das obras e puxo como exemplo o plan Móvese, que este ano supón a execución doutros 479 elementos físicos de calmado de tráfico en 54 municipios, así como a construción de cunetas transitables, un elemento que cada vez máis demandan os propios concellos “porque permiten converter as beiravias, naquelas estradas nas que é imposible acometer obras de urbanización, en auténticas sendas para camiñar”.

También te puede interesar