Vigo al minuto

Vitrasa «recorta» frecuencias fusionando as liñas 8 e 9A

Supón alargar o percorrido até unha hora e media

O Bloque Nacionalista Galego denuncia un novo «recorte de frecuencias» en Vitrasa como resultado da fusión das liñas 8 e 9A, en vigor desde este martes.

Redución de 30 frecuencias diarias

Ante este feito, o BNG pide que o goberno de Abel Caballero aclare se autorizou esta nova liña «A», anunciada pola concesionaria de bus urbano, que supón unha redución de 30 frecuencias diarias e alargar o percorrido até unha hora e media.

«Esta decisión de Vitrasa consolida e agrava os recortes que xa se viñan aplicando no servizo de bus urbano nos últimos meses e anos», criticou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que apuntou que «detrás deste recorte só está o interese particular da empresa concesionaria por aforrar custos, empeorando de forma significativa o servizo».

De 94 a 64 frecuencias e hora e media de percorrido

Igrexas subliña que as liñas 8 e 9A sumaban 94 frecuencias nos días laborábeis, mentres que a nova liña «A» contará con apenas 64. Ademais, afeou que se alongue o percorrido até unha hora e media, cando a liña 9A tiña 37 minutos de duración e a liña 8 de 45 minutos. «Non é aceptábel que esta nova liña tarde o mesmo que o tempo necesario para chegar de Vigo á Coruña«, exemplificou.

Igrexas anunciou que o BNG interpelará ao Goberno municipal para que explique se deu o seu visto bo a esta fusión de liñas e con que xustificación. Unha decisión que, advertiu, non foi trasladada nin tan sequera á Comisión de Liñas e Horarios da propia Vitrasa, que ten previsto estudar este cambio o día 20 de abril, unha semana despois de entrar en vigor.

Afecta á única liña que vai a Peinador

Desde o Bloque cualificaron este fusión de liña de «sinsentido» por unir dous puntos tan distintos como o aeroporto e o campus universitario. Ademais, sinalaron o «agravante» de afectar á liña 9A, a única que fai parada no aeroporto de Peinador. «Non resulta razóabel nunha cidade que carece dun servizo de bus de liña directo, como existe noutras terminais galegas e como temos demandado o BNG de forma reiterada».

«Engano»

Por estes motivos, o concelleiro do BNG instou a rectificar a creación deste «engano» de liña fusionada e apostar por un reforzo real do servizo de bus urbano. «Hai que poñer máis buses a circular, aumentar as frecuencias e racionalizar o mapa de liñas, que non responde á realidade da cidade, non conecta adecuadamente o conxunto do territorio de Vigo e, desde logo, non dá o servizo que merece unha cidade de 300 mil habitantes».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.