Cultura Destacados

O Concello segue sen abrir VigoSónico

O alcalde anunciou varias datas que non se cumpriron

O Concello segue sen abrir VigoSónico

O pasado 25 de febreiro foi a data anunciada polo Concello de Vigo para a reapertura das salas de ensaio de Vigosónico, logo de dous meses de protestas por parte da plataforma Grupos de Vigo en Loita para a recuperación deste servizo municipal.

Seis semanas máis sen abrir

Porén, máis de seis semanas despois, esta reapertura aínda non tivo lugar. Xa en febreiro, dende Grupos de Vigo en Loita advertiron da posibilidade de que o Concello non cumprise os prazos, “ao non ter informado en ningún momento, e ata agora, dos mesmos aos grupos”, sócentrándose en facer publicidade dun curso de emprendimento da Fundación Paideia nas mesmas instalacións“.

Poucos días antes, o alcalde cambiou repentinamente nunha rolda de prensa a previsión da reapertura a “finales de febrero, principios de marzo”, e dende entón “non se sabe nada sobre as salas“.

O Concello non informa

Grupos de Vigo en Loita denuncia que o Goberno municipal non está respondendo ás súas peticións de información ao respecto, e esixe que se poña unha data real de reapertura e se informe aos grupos sobre o servizo e as condicións do mesmo.

“Desinterese absoluto”

En palabras do colectivo, “o desinterese absoluto non só por dar o servizo que demandan as bandas de Vigo, senón simplemente por atender ás súas demandas e ter a máis mínima comunicación con elas, contrasta co triunfalismo trasladado polo alcalde aos medios de comunicación, adicándose a “repetir que reabriría inminentemente as salas de ensaio. Os feitos, finalmente, son os que son, e as salas seguen pechadas e sen ningunha perspectiva de abrir”.

O Goberno local mentía

Para o colectivo, todo isto demostra “que en todo o tempo que o Concello pasou argumentando que o servizo non reabría por mor da pandemia estaban efectivamente mentindo, pois xa anunciaron a bombo e platillo que xa se daban as condicións para a reapertura, e pola contra seguen pechadas“.

Mentres tanto, afirman, as instalacións de Vigosónico están ocupadas por un curso para empresas que ninguén pediu, e que demostra o descoñecemento e o nulo interese por parte do Concello de coñecer o tipo de bandas que empregaban estas instalacións”.

Sen noticias da concelleira

Na reunión con representantes da plataforma que a concelleira de Xuventude, María del Carmen Lago, tivo despois de que se anunciase a frustrada reapertura, a concelleira comprometeuse, ademais de a manter unha comunicación fluída cos mesmos, a promover que os grupos de Vigosónico fixesen parte dos concertos organizados polo Concello, entre outros compromisos.

Accións reivindicativas

Dende Grupos de Vigo en Loita denuncian que “non houbo ningún avance en ningún sentido”, confirmando as súas “máis pesimistas previsións”. O colectivo afirma que seguirá protestando “ata a recuperación do servizo nas condicións dignas prometidas”, anunciando que realizará diversas accións reivindicativas proximamente nesta liña.

Te podría interesar