Vigo al minuto

Vigo superará o 50% de ocupación hoteleira esta Semana Santa

Nos días festivos será de preto do 65%

Vigo superará o 50% de ocupación hoteleira esta Semana Santa

A falta de reservas de última hora, condicionadas polas novas formas de planificar das persoas que viaxan e tamén pola climatoloxía, a Deputación de Pontevedra estima para esta Semana Santa unha ocupación media nos establecementos turísticos da provincia superior ao 60%. Esa porcentaxe, será de 10 puntos máis os días fetivos, entre o xoves santo e o domingo.

As Rías Baixas, ‘destino favorito de Galicia’

Novamente, as vivendas turísticas, cunha estimación de ocupación media en torno ao 80%, e os aloxamentos rurais, con preto do 70%, sitúanse ao fronte das preferencias das viaxeiras e viaxeiros.

Con estas previsións, que poderían mellorar substancialmente dependendo do tempo, Rías Baixas recuperaría os niveis previos á pandemia e, sinalan dende a Deputación, “consolidaría os seus datos como destino favorito en Galicia”.

Vigo, achégase ao 60%

Aínda que neste período vacacional é frecuente que as reservas se pechen na última hora, as expectativas de Turismo Rías Baixas son positivas o que “confirma que a calidade do destino Pontevedra Provincia prémiase por riba de factores
conxunturais”.

No sur da provincia, concretamente na comarca de Vigo e nos municipios de Baiona e Nigrán, agárdanse porcentaxes que durante a semana superarán o 60% e nos días festivos rozarán o 90%.

Este mesmo venres, o alcalde situaba a ocupación, a día de hoxe na cidade, no 50% e as reservas xa feitas de xoves santo a domingo en preto do 65% o cal, asegurou, “é un dato moi bo”.

Noutras zonas como Sanxenxo as previsións apuntan xa a preto do 80% de ocupación nos establecementos hoteleiros de superior categoría durante os días festivos.

Vivendas turísticas

Pola súa banda, no que respecta ás vivendas turísticas, a provincia acadará unha ocupación media superior ao 80% durante a Semana Santa, xa que “tense convertido na zona de maior demanda de vivendas turísticas de Galicia“.

Estes establecementos, a día de hoxe, trátanse dos que rexistran o maior número de reservas debido, principalmente, á tendencia xerada na pandemia pero tamén á maior demanda de aloxamentos familiares.

Ademais están xa a recibir reservas para o verán o que” augura unha excelente temporada para as vivendas turísticas da provincia”. En canto aos aloxamentos de turismo rural, Turismo Rías Baixas estima unha ocupación media para toda a provincia de preto do 70%.

Te podría interesar