Cultura Vigo al minuto

O lobo mariño cincento ‘Maxibar’, volve á mar

Logo de recuperarse en Galicia

O lobo mariño cincento 'Maxibar', volve á mar

O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) despediu á cría de lobo mariño cincento ‘Maxibar’, que regresou á mar a bordo do buque arrastreiro Baqueiro. ‘Maxibar’, completara a súa recuperación no centro dependente da Consellería do Mar.

Recuperación

Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) para a recuperación deste tipo de animais que chegan ás costas galegas en mal estado de saúde ou feridos.

Apareceu en decembro en Baiona

Este exemplar de lobo mariño foi recollido o pasado mes de decembro en Baiona pola unidade móbil da Cemma e trasladado á UCI que a organización ten en Nigrán. Alí tratárono dun alto grao de desnutrición, deshidratación e pneumonía.

Traslado

Tras constatar que a súa evolución era favorable, Maxibar foi trasladado ao Igafa o pasado 16 de febreiro para comezar a segunda fase de recuperación, previa á súa liberación.

Terceiro exemplar de lobo mariño

Con este xa son tres os exemplares de lobos mariños -‘Maxibar’, ‘Cadrado’ e ‘Leis’- que se recuperaron no que vai de ano nas instalacións da Cemma e do Instituto Galego de Formación en Acuicultura.

También te puede interesar