Vigo al minuto

Demandan medidas urxentes polo agravamento dos atascos en Vigo

O BNG chama a potenciar o servizo de bus urbano

Demandan medidas urxentes polo agravamento dos atascos en Vigo

 O Bloque Nacionalista Galego urxe medidas para reducir o crecente problema dos atascos en Vigo. Dende o Bloque considérase que as dificultades para circular na cidade evidencian o “fracaso das políticas de mobilidade do goberno de Abel Caballero”. Así mesmo, subliña a “necesidade de apostar nun novo modelo” que, a xuízo do Bloque, debe pasar por “potenciar e mellorar o servizo de bus urbano”.

Horas nas que a cidade é “intransitábel”

“A veciñanza de Vigo está a padecer un grave problema de retencións, con horas nas que a cidade é practicamente intransitábel”, denunciou o concelleiro do BNG, Xabier P. Igrexas. Para o concelleiro algúns dos puntos de maior conxestión viaria son Pizarro, Avenida das Camelias, o perímetro do Calvario, Castrelos, Sanjurjo Badía ou Beiramar.

Segundo os últimos datos do satélite Tom Toma veciñanza de Vigo padece até 46 horas ao ano de atascos en diferentes puntos da cidade.

Algunhas obras agravan a situación

O edil do Bloque considerou ademais que determinadas obras municipais, como a segunda fase das ramplas da Gran Vía ou a humanización na Avenida Gregorio Espino, están a agravar unha situación que xa viña de lonxe.

Igrexas apunta a que a mesma ten consecuencias negativas “non só para as persoas condutoras, tamén para o conxunto da veciñanza polo incremento da contaminación acústica e ambiental”.

Os plans do Concello non funcionan

Son cada vez máis os ámbitos da cidade onde resulta difícil circular, insiste o concelleiro quen insta ao goberno de Abel Caballero a “reaccionar e recoñecer que os plans para desconxestionar o tráfico non están a funcionar e é necesario corrixilos”, reclamou Igrexas.

Deficiente servicio de Vitrasa 

Desde o Bloque situaron no centro do problema de saturación viaria a falla de alternativas de transporte ao vehículo privado, en particular polo deficiente servizo de bus urbano.

“Esta situación pon en evidencia a necesidade urxente de apostarmos nun novo modelo de mobilidade máis eficiente, moderno e sustentábel en termos ecolóxicos que ten que pivotar nunha potenciación decidida do uso de bus urbano”, demandou.

O concelleiro do BNG urxiu a reformular o actual servizo por “non estar á altura dunha cidade de case 300 mil habitantes. Igrexas sinalou que o actual modelo de bus urbano funciona sobre un esquema obsoleto do ano 1994 e conta con escasas frecuencias e un mapa de liñas que non conecta o conxunto da cidade.

También te puede interesar