Cultura Vigo al minuto

Opinión: ‘Abel Caballero contra o Chopo Asqueroso’

Laura Saleta, membro de Ecoloxistas en Acción Vigo

Exigen al concejal de Jardines que muestre los informes que avalan que se talen mil árboles al año en Vigo

Laura Saleta, membro de Ecoloxistas en Acción Vigo

Hai uns días, cando os medios lle pediron explicacións ao alcalde de Vigo polas novas tallas no Castro e en Gran Vía, este declarou o seguinte: «en Mondariz, en una celebración un árbol cayó y una mujer murió. Por tanto hay que tomarse muy en serio estas cuestiones y nosotros pedimos un informe técnico que concluyó que es indispensable. En Vigo también se han producido accidentes graves por árboles enfermos o en mal estado, como el que cayó hace años (2012) en la Avenida de Castelao encima de un coche con gente dentro. Era uno de aquellos chopos asquerosos de los que cortamos”.

“O Concello talla 41 Castiñeiros, 13 Tileiras, 45 camelias e 29 laranxeiras acedas con idades de entre 40 e 50 anos baseándose nun informe encargado adhoc”

Está claro que coma se se tratase dun cómic dos anos cincuenta, o alcalde de Vigo ten un arquiinimigo. Non é humano, político, nin animal. O supervilán, neste caso é verde, dános osíxeno, sombra, baixa as temperaturas, regula o efecto do cambio climático nas cidades e alberga vida. Todas estas son virtudes que o alcalde é incapaz de realizar por si mesmo. Se cadra, de aí a xenreira.

O alcalde odia as árbores. Non en van, cando deseñou unha árbore icónica para a cidade, deseñou un Godzilla (hoxe parécese máis a unha señora maior que esqueceu as ultimas trinta citas na perruquería), porque para el, as árbores son iso, monstros verdes xigantes e asquerosos que matan xente e aplastan coches, e que hai que erradicar cunha espada láser, ou motoserra no seu defecto.

Estes días están a tallar as árbores que quedan no tramo superior da Gran Vía de Vigo. Árbores de 40 e 50 anos que non fixeron nada máis que acompañar aos vigueses fielmente durante todos estes anos, desde o infame paseo inaugural do ditador no ano 1945 ata a semana pasada, historia e patrimonio materializados en seres vivos. Esta é a continuación da execución dun plan de reforma da Gran Vía que puxo en marcha o Concello de Vigo no ano 2017, e que incluía a instalación de ramplas e a erradicación de todo o arborado preexistente.

“As árbores non son “mellores” nin “peores”, nin “asquerosas”, nin “marabillosas”. Son seres vivos que estaban aí mesmo antes de chegarmos nós”

A eliminación do arborado preexistente deriva un informe encargado ad hoc polo Concello no ano 2017 que fai unha análise do estado de cada unha das árbores da rúa, desde García Barbón ata a rúa Nicaragua: 41 Castiñeiros, 13 Tileiras, 45 camelias e 29 laranxeiras acedas con idades de entre 40 e 50 anos. Árbore por árbore, o informe aplica unhas fórmulas matemáticas e recomenda a talla integral de todo o arborado e o transplante das camelias e laranxeiras.

Porén, o informe conclúe que malia todo, non existe ningunha forma de predicir o verdadeiro estado das árbores, que é imposible saber se unha árbore vai caer e que o informe en si mesmo non é completamente fiable, pois as circunstancias cambian moito ao longo do tempo. En calquera caso, o Concello amarrouse a este estudo coma se fose palabra divina para xustificar a decisión da talla con tres motivos: Diminuír o índice de risco, minimizar costes de mantemento de podas anuais e crear un entorno máis natural e exuberante con especies axeitadas.

Tallar por estes motivos máis de 60 árbores maduras indícanos que o Concello non sabe o que é unha árbore. E isto é preocupante, pois coa súa ignorancia, arrebátanos ás viguesas parte do noso patrimonio histórico e natural imposible de remprazar.

“Os ecosistemas son estruturas de vida moi complexas que tardan moito en desenvolverse, e na Gran Vía había un entramado de insectos, liques, aves, vida subterránea e demais seres vivos que levaba formándose desde o ano 1945″

Unha árbore é un ser vivo, coma a túa avoa e a avoa da túa veciña. E como tal, non son intercambiables. E tampouco son cuantificables en número: tres bebés da veciña non valen máis que a túa avoa. Estas observacións poden parecer simples ou absurdas, pero é igual de absurdo que o Concello tente convencer á cidadanía de que 400m2 de zona verde da de antes é peor que 640m2 de zona verde nova, ou que seis Gingko Bilobas novos son mellores que os dous cedros case centenarios que vivían na Ronda de Don Bosco.

As árbores non son “mellores” nin “peores”, nin “asquerosas”, nin “marabillosas”. Son seres vivos que estaban aí mesmo antes de chegarmos nós. E como tal, hai que entender o seu medio, respectalo e protexelo. Se un concello quere mellorar as condicións de mobilidade da cidadanía e a circulación rodada, debe ser coexistindo coas especies que xa están presentes. Esta necesidade de preservarmos o arborado urbano deriva do concepto de Bosque Urbano, que é o modelo aceptado internacionalmente como mellor estratexia para mellorar a vida das persoas nos contornos urbanos (unha lectura moi recomendable é o seguinte informe da FAO: https://www.fao.org/3/i8707es/I8707ES.pdf).

Un conxunto de cen árbores adultas na Gran Vía formou un ecosistema urbano. Os ecosistemas son estruturas de vida moi complexas que tardan moito en desenvolverse, e na Gran Vía había un entramado de insectos, liques, aves, vida subterránea e demais seres vivos que levaba formándose desde o ano 1945, e que sobrevivía malia o abandono por parte do Concello e o ataque do tránsito constante, e que foi arrasado de vez por unha idea peregrina, por unha estética determinada e porque o noso rexedor entende as árbores como mobiliario urbano.
Entendendo a Gran Vía como un ecosistema urbano e como patrimonio vivo veremos que os motivos “oficiais” da talla son ridículos: Diminuír o risco, minimizar custos de mantemento e crear un entorno natural.
Respecto do riscos, o alcalde xustificouno facendo referencia ao accidente de Mondariz en 2021 e ao de Coia en 2012.  Son dous accidentes en corenta anos en dous municipios diferentes. Pola mesma regra de tres, como en Vigo morren 5,5 persoas cada ano de media debido á contaminación, o Concello debería encargarse de eliminar tamén todos os coches. Pero iso sería unha estupidez, verdade?

“É de absurdo que o Concello tente convencer á cidadanía de que 400m2 de zona verde da de antes é peor que 640m2 de zona verde nova”


En canto ao mantemento, a necesidade de aforrar en podas anuais leva unha sospeita implícita. Acaso non van precisar coidados os milleiros de árbores novas e de plantas prometidas no proxecto? A resposta pódese observar na Ronda de Don Bosco e nas ramplas de Gran Via instaladas hai un ano. As árbores novas morren por falta de solo, e as plantas morren e non son repostas polo concello. Un paseo por Vigo basta para entendermos.
Por último o proxecto pretende crear un contorno máis “natural e exuberante”, substituíndo árbores maduras por diversas especies novas, árbores de copa pequena como Gingko Bilobas e plantas de Nova Zelanda, Xapón, Australia, Siberia, China e o Tibet. De novo, un paseo polas ramplas instaladas desde hai un ano chega para ver o estado destas especies e o seu mantemento un ano máis tarde: Hai moito e moi efémero.

A versión oficial da necesidade da talla é absurda e non ten solidez, polo que supoñemos que os verdadeiros motivos da talla, políticos e económicos, sempre lle serán ocultados á cidadanía de Vigo. En calquera caso, só nos queda a realidade: que o Concello de Vigo segue arrasando o patrimonio natural e histórico da cidade de forma sistemática e sen explicacións reais, privando as futuras xeracións de viguesas da súa propia historia.

“Se un concello quere mellorar as condicións de mobilidade da cidadanía e a circulación rodada, debe ser coexistindo coas especies que xa están presentes”

Volvendo ao noso cómic dos anos cincuenta, podemos concluír que nesta loita entre dúas forzas, unha natural e outra política, o monstro non é o arbusto con forma de Godzilla despeluxado, ese chopo “asqueroso” que destroza coches polo seu camiño, nin as 60 árbores talladas que eran parte da nosa historia. Como en todas as sagas, chega un momento en que a cidadanía teremos que cuestionarnos seriamente quen é o bo e quen é o vilán desta historia, quen nos mellora a vida e nos deixa un legado cheo de vida e de patrimonio e quen nola empobrece e nola rouba de forma sistemática e sen explicación ningunha. Iso si, como en todas as sagas, unha vez que a cidadanía decide, o que segue é unha gran loita final e polo xeral, o supervilán sempre perde e marcha, para non volver.

También te puede interesar