Galicia Vigo al minuto

Licitadas as obras de humanización da Avenida Santa Mariña en Redondela

Conta cun investimento de 450 686,84€

O Concello de Redondela vén de licitar as obras de humanización da Avenida Santa Mariña, traballos para os que destina un investimento de 450 686,84€ con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación.

Os mesmos «permitirán a transformación deste espazo urbano xa que, a maiores da humanización da zona, procederase á mellora da rede de subministro e saneamento».

Proxecto do Goberno local

Esta actuación, ao igual que a xa adxudicada da mellora da contorna do Pazo Torres de Agrelo de Cesantes, forma parte dun proxecto integral do Goberno local, a través da Concellería de Vías e Obras «que busca, fundamentalmente, a mellora da calidade de vida da veciñanza ao poder gozar dunha contorna máis amable, máis ‘vivible’ e cuns servizos adaptados ás necesidades dun municipio do século XXI», asegura Digna Rivas, alcaldesa de Redondela.

Alumeado, canalizacións e sinalización

As obras abranguerán, polo tanto, traballos de instalación de sistemas de alumeado e sinalización, mobiliario urbano, canalizacións para saneamento e abastecemento, tubaxes para liñas de comunicación e condución elétrica, mellora de beirarrúas e pavimentación.

Pavimentación do firme

O firme de todo o trazado obxecto das obras, nunha extensión de 680 metros cadrados, será pavimentado con aglomerado asfaltico de 6 cm de espesor. En ámbalas dúas beiras da rúa, instalaranse canalizacións para a recollida de pluviais que contarán con sumidoiros no lado sur.

Do mesmo xeito, nos dous lados da rúa obxecto das obras realizarase a instalación integral da rede de abastecemento de auga potable.

Mellora de beirarrúas

Os traballos completaranse coa mellora integral das beirarrúas e a instalación de alumeado público que mellore, non só as condicións de luminosidade da zona senón que permitan unha mellora da eficiencia enerxética en canto ao consumo e emisións de CO2.

Finalmente, dotarase á zona da correspondente sinalización de tráfico, tanto horizontal como vertical e de mobiliario urbano (xardiñeiras, bancos, papeleiras e varandas).

Para Digna Rivas, todos os traballos que se están a facer «permiten, pouco a pouco, a transformación dos espazos, tanto nos núcleos urbanos como nos rurais, a fin de mellorar a mobilidade, as condicións de vida e dotar aos veciños e veciñas, dos servizos aos que teñen dereito independentemente do lugar onde residan».

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.