Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

Beca para o Servizo de Cardioloxía da sanidade pública de Vigo

Participou xa en máis de 150 proxectos de investigación

Beca para o Servizo de Cardioloxía da sanidade pública de Vigo

O Grupo de Investigación Cardiovascular do Servizo de Cardioloxía do CHUVI, ven de recibir unha beca da Axencia Galega de Innovación (GAIN) na modalidade de axudas para “Grupos con Potencial de Crecemento”

Unidades de investigación

Esta beca, que ascende a 90.000 euros, enmárcase nas axudas outorgadas para a consolidación e estruturación de Unidades de investigación competitivas.

As mesmas están dirixidas a aqueles grupos que, pola súa produción científica e actividade, amosan potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do Sistema Galego de I+D.

Máis de 150 proxectos de investigación

A Unidade de Investigación Cardiovascular foi constituída polo doutor Andrés Íñiguez  no 2004 como un grupo multidisciplinar, dirixido polo doutor Víctor Alfonso Jiménez  dende 2012, e integrado no IIS Galicia Sur.

Desde os seus inicios, o carácter multidisciplinar do equipo investigador ten permitido a súa participación en 150 proxectos de investigación rexionais, nacionais e internacionais. O Grupo ven mantendo unha traxectoria clara e sostida en investigación de vangarda, cun elevado número de publicacións en revistas de alto impacto, como The New England Journal of Medicine (NEJM) ou The Lancet,  entre outras.

Patoloxías cardíacas

Estes proxectos abarcan diversas liñas de investigación que van desde a análise clínica de varias patoloxías cardíacas –arterioscleroses, insuficiencia ou rehabilitación cardíaca; investigación básica en aspectos como as novas técnicas no campo da informática aplicada; a utilización de simulación numérica para a resolución de problemas cardiolóxicos clínicos, ou a intelixencia artificial para a detección precoz da fibrilación auricular.

Descubrimento de novos factores de risco cardiovascular

“En xeral as liñas de investigación están orientadas á mellora da saúde cardiovascular dos pacientes. A análises e descubrimento de novos factores de risco cardiovascular permite predicir eventos cardiovasculares e progresar na clasificación destes enfermos,  o que redundará nunha maior calidade na asistencia sanitaria ofertada “, conclúe o doutor Pablo Juan Salvadores.

También te puede interesar