Comarcas Vigo al minuto

As Rías Baixas conquistan FITUR

A campaña da Deputación ‘Love Rías Baixas’ deixou pequeno o auditorio de Turespaña

As Rías Baixas conquistan FITUR

O palpitante corazón da provincia de Pontevedra conquistou a Feira Internacional de Turismo, FITUR, con “Love Rías Baixas”, un “relato de amor” contado coas vivencias de 9 protagonistas de diferentes países de catro continentes que un día chegaron, namoraron do territorio e decidiron quedarse.

Os lectores de vigoalminuto poideron seguir en directo o acto e ver como o Auditorio de Turespaña quedouse pequeno para coñecer a campaña de promoción turística da Deputación de Pontevedra, que contou co amadriñamento da Ministra de Turismo, Reyes Maroto, amais do alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Alcladesas, alcaldes e representantes do sector

Xunto a eles, alcaldes e alcaldesas e representantes do sector turístico da provincia viviron en directo a proposta provincial, que leva dous anos consecutivos gañando o Premio ao Mellor Vídeo Turístico do Mundo, galardóns aos que volve a concorrer este ano.

9 historias de amor

Coa condución da actriz viguesa Jazmín Abuín, a presentación contou no escenario coa participación do enólogo chileno Diego Riós, representando ás 9 persoas protagonistas do audiovisual.

O vídeo mostra todo o potencial natural, cultural, paisaxístico da provincia integrado nun emocionante relato nas voces e nas historias de Kevin Weatherill, líder da banda británica Inmaculate Fools, e Virginia Gil (Aranda de Duero), representante do grupo; Juan Carlos Perret, cociñeiro peruano; Daniela Savic, ex-xogadora e adestradora de balonmán eslovena; Violeta Mi Tan, enxeñeira téxtil chinesa; Mari Hashimoto, profesora xaponesa; Saliou Ndongo, profesor de artes marciais senegalés; Kate Singer, estudante de logopedia natural de Chicago (EE UU); e o propio Diego Riós.

As lendas, o rural, a tranquilidade ou as paisaxes

No audiovisual, os e as protagonistas destacan, rodeados de extraordinarias paisaxes naturais da costa e o interior, por que quedaron impresionados e decidiron radicarse nas Rías Baixas.

A beleza, a historia, as lendas, o rural, a gastronomía, o mar, a terra, a calidade dos viños, a tranquilidade e o trato coa xente son algúns dos motivos que citan para explicar como un día chegaron a Rías Baixas e declararon o seu amor á provincia quedándose a vivir nela.

O poder da hospitalidade

A presidenta Carmela Silva debullou algúns deses motivos deste “namoramento colectivo” coa provincia. “Temos infinidade de razóns para que a xente que nos visita non queira marchar: gastronomía, paisaxe, rural, vilas mariñeiras, patrimonio, marabillosos profesionais do turismo, e a xente, que te fai sentir en casa”.

A boa vida

Silva explicou que “non hai ningún lugar con tan boa vida como as Rías Baixas” e destacou que son as propias persoas que se asentan na provincia as que o confirman.

“Contan historias reais dunha terra marabillosa onde encontrar un lugar ideal para vivir”, resaltou, para apuntar que “non hai nin unha soa frase guionizada no vídeo”.

Carmela Silva convidou a todos e todas a visitar as Rías Baixas uns días, unha ponte, ou mesmo a quedarse”, e amosouse convencida de que “van vivir unha historia de amor con este territorio”.

A beleza

A presidenta subliñou que “a beleza das Rías Baixas e as súas xentes, as que naceron aquí e as que viñeron doutros lugares e agora son nosas, fai chorar da emoción”. Ademais mostrou o seu agradecemento á ministra Reyes Maroto por
amadriñar a presentación da Deputación no  stand de Turespaña, e fíxoo extensivo ao secretario de Estado de Turismo.

A mellor película turística do mundo

No evento tamén participou o secretario do Comité de Festivais de Cine Turístico, Hugo Marcos, quen valorou o éxito das anteriores pezas promocionais da Deputación –“Fame de Experiencias” e “Sigue o teu Instinto”-, elixidas como mellores películas turísticas do mundo e cun palmarés de 24 grandes premios internacionais

De feito, Marcos referiuse á calidade dos audiovisuais da Deputación. “Mostran a autenticidade do territorio, reflexan os sabores, o que é a xente, ser galego. En Galicia todo é diferente e nas Rías Baixas percíbense todas esas características”.

En preto de 30 países

O acto pechouse co vídeo “O teu Camiño”, tamén da Deputación de Pontevedra, con imaxes da paisaxe da provincia. A campaña “Love Rías Baixas” será difundida polas consejerías de Turismo de Turespaña no exterior, chegando así a internacionais como Abu Dhabi, Os Ánxeles, Berlín, Bélxica, Bos Aires, Cantón (China), Chicago, Cidade de México, Copenhague, Dublín, Estocolmo, A Haia, Helsinqui, Lisboa, Miami, Milán, Moscova, Bombai, Múnic, Nova York, Oslo, París, Pequín, Roma, Sao Paulo, Singapur, Tokio, Toronto, Varsovia, Viena, Zúric, Frankfurt e Londres.

También te puede interesar