Sanidade asigna unha médica xubilada a O Rosal que atenderá aos pacientes ‘telemáticamente’

A alcaldesa reuniuse co conselleiro ante a situación sanitaria do concello

Sanidade asigna unha médica xubilada a O Rosal que atenderá aos pacientes 'telemáticamente'

A alcaldesa do Rosal relatou a precaria situación da atención sanitaria no municipio nunha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantida esta mañá.

“Solucións urxentes”

Ánxela Fernández reclamou solucións urxentes a unha situación que foi especialmente crítica durante o Nadal, xa que houbo días nos que o municipio non contaba con ningún médico para consultas. Isto provocou que a veciñanza tivese as axendas pechadas e non existise un seguimento dos pacientes, “cos riscos que implica”

Esta situación, explicou a alcaldesa, aínda non ten solución, xa que hoxe, hai unha soa médica que atende cifras insostibles de arredor de 90 pacientes -cando a media axeitada son 35-.

Volta do servizo de Pediatría e maís persoal

Ánxela Fernández reclamou a volta do servizo de Pediatría ao Rosal, o incremento do persoal sanitario e a ampliación das dotacións. “

“Non podemos esquecer que a precariedade xa existía antes da pandemia e que agora se acentuou”, explicou a alcaldesa, “polo que reclamamos solucións a curto, a medio e a longo prazo”. O Concello e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal reclaman que deberían contar cun mínimo 4 médicos e 4 enfermeiras, pediatría e matrona. Así mesmo, a alcaldesa tamén criticou o peche da consulta de San Miguel.

Unha médica e outra doutora xubilada

O conselleiro informou á alcaldesa de que durante os vindeiros meses O Rosal contará cunha médica, a actual, que ten unha xornada ampliada, unha médica xubilada que atenderá telematicamente. A esta medida, se lle sumará a prolongación do horario de persoal médico e farmaceútico doutros Centros de Saúde.

A resposta da alcaldesa foi que esta situación, aínda que mellor ca de Nadal, “non é suficiente para ofrecer unha atención sanitaria de calidade”.

Unha sala de urxencias

En canto ás dotacións a rexedora trasladou ao conselleiro que “precisamos melloras nas infraestrutura con incrementos dotacionais como por exemplo unha sala de urxencias, unha sala de xuntas máis grande, unha sala de técnicas e novas salas para cumprir coas necesidades do persoal sanitario”.

Ánxela Fernández insistiu en que “agora só hai 3 despachos para medicina-pediatría e 3 de enfermería no Centro de Saúde. Claramente insuficiente para cubrir as ratios de persoal precisas entre pacientes por persoal sanitario de xeito adecuado”.

Un equipo técnico visitará O Rosal

Tanto alcaldesa como o conselleiro acordaron que durante os vindeiras datas un equipo técnico da Xunta trasladarase ao Rosal para estudar sobre terreo unha posible ampliación das dotación.

A alcaldesa afirmou que o Concello “ofrece a súa total colaboración para dotar deste incremento das infraestruturas sempre e cando se adapte ao Plan Xeral”. Ánxela Fernández agradeceu ao conselleiro a súa boa disposición e a escoita e agarda que “a situación mellore o antes posible”.

También te puede interesar