Vigo al minuto

O BNG propón retirar a restrición de circular en patinete por algunhas rúas de Vigo

O Goberno local non quere que vaian por Castelao, Gran Vía ou Beiramar

O BNG propón retirar a restrición de circular en patinete por algunhas rúas de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego propón retirar a prohibición de circular por algunhas rúas de Vigo nos Vehículos de Mobilidade Persoal (VMP), como os patinetes eléctricos.

Como publicou vigoalminuto, así o recolle o proxecto de ordenanza municipal para regular o seu uso. Esta é unhas das emendas presentadas polo BNG para mellorar a proposta do Goberno municipal.

Que poidan ir por Castelao, Gran Vía ou Beiramar

“Non ten ningún sentido restrinxir o acceso dos VMP a vías como a Avenida de Castelao, Gran Vía, Avenida Campoamor ou Beiramar”, valorou o concelleiro do BNG en Vigo. Xabier P. Igrexas, criticou que o único argumento para impoñer esta medida sexa definilas como vías de alto tránsito de coches privados.

Para o concelleiro do Bloque, esta prohibición non se aplica a outras opcións de mobilidade como as bicicletas. “Hai que ir no sentido contrario, non se trata de blindar o espazo urbano para o uso dos automóbiles, senón facilitar con todas as garantías de seguridade o uso doutras modalidades de transporte como as VMP”, engadiu.

Porte de elementos

Igrexas pediu tamén clarificar algúns puntos da ordenanza municipal para dotala de maior seguridade xurídica e evitar penalizacións non xustificadas. Entre eles, chamou a aclarar o porte de elementos. “É comprensíbel que se prohíba cargar con grandes volumes, mais entendemos que hai que permitir, como no caso das bicicletas e das motos, que poidan levar unha mochila ou análogo, sempre que o seu peso ou dimensións non impidan a circulación segura do vehículo”, defendeu o portavoz municipal do Bloque en Vigo.

Seguro e chaleco reflectante

Desde a fronte nacionalista apuntaron outras dúbidas, recollendo o malestar expresado polas propias persoas usuarias. Entre elas están a obrigatoriedade de subscribir un seguro de responsabilidade civil cunha póliza de mínimo medio millón de euros, ou a usar chaleco reflectante en todo momento.

“Cremos que debe ser unha recomendación xeral e só obrigatorio cando non hai luz diúrna ou cando as condicións de visibilidade non sexan suficientes”, explicou Igrexas.

O concelleiro pediu tamén clarexar a obriga de que os VMP circulen sempre polo carril dereito, para engadir a posibilidade de desprazarse por outros cando así o esixa a circulación, tal como recollen ordenanzas doutras cidades.

También te puede interesar