Cultura

Ecoloxistas piden a Feijóo que suspenda os campionatos de raposo deste ano

Piden “sentidiño” ao presidente ante o aumento dos casos de COVID

Ecoloxistas piden a Feijóo que suspenda os campionatos de raposo deste ano

Ecoloxistas en Acción Galiza vén de pedir á Xunta e a Alberto Núñez Feijóo que teñan  “sentidiño” e  suspendan os campionatos de raposo desde ano

Galicia comeza 2022 con 5.252  contaxios novos de coronavirus e unha cifra de casos activos que superarán os 50.000 nos próximos días, “e aínda non celebramos Reis”, sinalan os ecoloxistas.

Nesta situación de pandemia cun incremento do número de contaxios alarmante “resulta perigoso e neglixente”, por parte da Xunta seguir a autorizar actividades cinexéticas.

A autorización de modalidades de caza colectivas

O período hábil para a caza menor remata o 6 de xaneiro, salvo algunha autorización de prolongación. A partires desta data empréganse só modalidades de caza maior como batidas e montarías onde os grupos de cazadores son moito máis numerosos.

Na batida o número mínimo de cazadores é de 10 e o máximo de 30. Na montaría o número de cazadores está entre 20 e 50 ademais dos batedores.

Competicións de caza

Estanse a celebrar competicións de caza durante todo o ano organizadas pola Federación Galega de Caza ou por sociedades de cazadores. O mes que máis competicións concentra é xaneiro, neste mes só para o día 8 e só programadas pola Federación Galega de caza hai 5 competicións (Copa federación galega de cans de parada sobre arcea e os Campionatos provinciais de caza de raposo en A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra).

Nas circunstancias actuais da pandemia, os Ecoloxistas cren que “é necesario e urxente suspender as batidas, montarías e competicións de caza polo elevado número de participantes, polos desprazamentos que supoñen e polas celebracións que adoitan levar aparelladas”.

Falta de transparencia da Xunta

Ademais, insisten, a falta de transparencia e de información coa cal a Xunta protexe esta actividade, “fainos temer que os participantes non cumpran coas precaucións que se nos esixen ao resto de galegos e galegas“. Ademais, non se lles someterá aos controis que teñen que cumprir o resto dos cidadáns, como test de  antixenos,  PCR, pasaporte  COVID, distancia de seguridade, máscaras, etc.

Aínda que sexa unha actividade ao aire libre, precisa de reunións e contactos entre os participantes. Os cazadores tamén teñen familia, amigos, veciños, compañeiros de traballo,  aos cales poden contaxiar se algunha das cuadrillas resulta afectada.

“Sentidiño”

Por iso para concluír “dende Ecoloxistas en Acción Galiza esiximos  ‘sentidiño’, tanto á Xunta como a Alberto Núñez Feijóo e que cancelen estes mal chamados campionatos e demais actividades cinexéticas que poidan comprometer a saúde dos galegos e a súa economía”.

También te puede interesar