Vigo al minuto

Alertan de que Vigo pode perder a oportunidade de renaturalizar o Lagares

Ecoloxistas en Acción lamentan a falla de resposta do Goberno local

Alertan de que Vigo pode perder a oportunidade de renaturalizar o Lagares

Ecoloxistas en Acción Vigo lamenta que se perda unha oportunidade única para renaturalizar o río Lagares aproveitando a financiación que pon a disposición para isto o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

No Boletín Oficial do Estado (BOE) do pasado martes, 21 de decembro, publicouse a Orde Ministerial que habilita 75 millóns de euros para a  renaturalización de tramos urbanos de ríos. Dita orde establece que se financiará directamente aos concellos que presenten proxectos de  renaturalización dos tramos urbanos dos seus ríos.

Entre 500.000 e 4.000.000 euros

A cantidade mínima de cada proxecto  seleccionable será de 500.000 €, ata un máximo de 4.000.000€, e financiarase ata o 95% da execución do mesmo. Para poder optar ao concurso é necesaria a presentación dun anteproxecto, servindo como tal o proxecto de renaturalización do Lagares presentado por Ecoloxistas en Acción. Incluso na orde indícase que se puntuará favorablemente o apoio de organizacións ecoloxistas aos proxectos presentados.

O grupo ecoloxista expuso públicamente en outubro o seu proxecto de renaturalización do río Lagares ao seu paso por Vigo, e posteriormente presentouno ao organismo competente da cunca, Augas de Galicia, ás forzas políticas do Concello e no Parlamento galego. Pero, a pesar de ter insistido reiteradas veces na solicitude dunha reunión con representantes do goberno municipal, aínda non tiveron resposta.

Actuar en 8 quilómetros de tramo urbano

A ONG considera que é “urxente e prioritario”  renaturalizar o río Lagares ao seu paso pola cidade. Por iso elaborou o Plan de naturalización e restauración ambiental que abrangue ao tramo urbano, desde o cruzamento coa avenida de Madrid ata a contorna da Xunqueira: 8 quilómetros en total.

Este proxecto pretende “mellorar a función natural de gran estrutura paisaxística do ecosistema asociado ao río Lagares”, sendo conscientes do ámbito marcadamente urbano no que se atopa o tramo obxecto de actuación. Trátase, din,  dunha proposta “realista e viable” que non produce alteración negativa algunha desde o punto de vista hidráulico no leito actual, e que pretende dotar a este tramo dunha maior calidade ecolóxica e paisaxística.

Preténdese, ademais, que o actual leito do río véxase enriquecido nas súas beiras mediante a mellora da vexetación de ribeira existente.

Falta de resposta do Goberno local de Vigo

Ecoloxistas en Acción lamenta a falta de resposta do goberno municipal. Advirten de que “pódese perder unha gran oportunidade tendo a disposición os fondos do Miterd con só presentar o proxecto”. Por último, anuncian que seguirán insistindo porque agardan que finalmente o Concello de Vigo teña a sensibilidade ambiental e social necesaria para levar a cabo este plan.

También te puede interesar