Destacados Vigo al minuto

O novo acelerador lineal do Meixoeiro estará funcionando a principio de 2022

Recibiu o financiamento da Fundación Amancio Ortega

O novo acelerador lineal do Meixoeiro estará funcionando a principio de 2022

O conselleiro de Sanidade visitou hoxe o Hospital do Meixoeiro, para comprobar os traballos de instalación dun novo acelerador lineal. Trátase dun aparello destinado ao tratamento de pacientes oncolóxicos.

Julio García Comesaña apuntou que os traballos de ensamblaxe e instalación durarán ata finais de mes, data na que fará as súas primeiras probas. Polo tanto, -engadiu- a comezos do ano que vén entrará en funcionamento.

García Comesaña lembrou que este é o último dos equipos dun contrato adxudicado no ano 2015 para a adquisición e instalación de dez aceleradores lineais nos servizos de radioterapia.

27.400 pacientes

Este contrato, -subliñou o conselleiro-, recibiu o financiamento da Fundación Amancio Ortega, por un importe de 14,5 millóns de euros. Grazas ao mesmo, 27.400 pacientes con 55 tipoloxías diferentes de enfermidades oncolóxicas foron tratados con estes equipos aos que agora se une este décimo acelerador. Este acordo serviu, tamén, para financiar a instalación de 16 mamógrafos que realizaron, entre 2015 e 2020, un total de 294.708 mamografías.

Investimentos para Vigo

Na visita, acompañado polo xerente da área sanitaria, Javier Puente, o conselleiro asegurou que a Xunta acaba de adxudicar, por preto de 90.000€, o contrato para dous novos ecógrafos destinados ao Servizo de Xinecoloxía de Vigo. Ademáis, engadiu, están licitados, tamén para esta área, outro para o Servizo de Urxencias e sete para os Servizos de Radiodiagnóstico.

O SERGAS seguirá introducindo equipos de cirurxía robotizada como o robot Da Vinci, e renovará catro TACs no Cunqueiro e un no Meixoeiro; unha resonancia no Cunqueiro e outra no Meixoeiro; dúas salas de hemodinámica e un equipo de anxioloxía vascular no Cunqueiro; así como un reforzo importante no servizo de Medicina Nuclear no Meixoeiro, renovando tres gammacámaras e o PET.

Para rematar a súa intervención, García Comesaña destacou que a Xunta xa investiu no Hospital do Meixoeiro máis de 22 millóns desde a posta en marcha do Álvaro Cunqueiro.

En concreto, sinalou, as áreas de medicina nuclear, mama e radioloxía do Meixoeiro xa recibiron un investimento de máis de 4 millóns. Outros 7 millóns foron para a obra das envolventes térmicas que acaba de rematarse, e 4 máis para a climatización dos andares de hospitalización.

También te puede interesar